Joan Subirats inaugura o xoves o novo foro ‘Ler o mundo hoxe…’ dedicado a cidadanía e participación social

O Grupo SEPA-interea da Facultade de Ciencias da Educación da USC organiza un novo foro de reflexión ‘Ler o mundo hoxe...’, nesta ocasión para debater en Psicoloxía sobre cidadanía e participación social. Será o catedrático de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Barcelona Joan Subirats quen inaugure as novas sesións cunha conferencia o xoves 3 ás 16.30 horas sobre as novas formas de cidadanía e participación social. Xa ás 18.30 horas dese mesmo día terá lugar o obradoiro ‘O corpo entre liñas’ da actriz Lorena Conde.
As actividades deste novo foro continuarán o 9 de novembro na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) cunha mesa de experiencias sobre os clubs de lectura nas bibliotecas escolares galegas, o premio literario Arcebispo Juan de San Clemente e o club de lectura universitario @Nas Marxes. Deseguido terá lugar a conferencia ‘Literatura creativa e compromiso social’ a cargo da escritora María Reimóndez, fundadora da ONG Implicadas no Desenvolvemento
O foro trasladarase o día 16 á Casa da Cultura de Rianxo para desenvolver unha sesión dedicada ao fútbol como dinamizador comunitario. Participarán, entre outros, o adestrador do Obradoiro CAB e o ex futbolista Donato Gama da Silva ‘Donato’.
Fomentar a lectura
O Foro de Reflexión e Debate ‘Ler o mundo hoxe... no diálogo Universidade-Sociedade" conta co apoio do Consello Social da USC e pretende fomentar as prácticas lectoras no seo da comunidade universitaria e na sociedade en xeral. Unha lectura do mundo na que as persoas se sintan pedagóxica e socialmente convocadas a ser partícipes dunha nova mirada ás súas realidades, vencellando o coñecemento á reflexión e á acción educativa e cultural, cívica e científica.
Todas aquelas persoas que desexen participar poderán solicitar certificado de asistencia, previa inscrición.