Jorge Mira acada o Premio da Confederación de Sociedades Científicas de España á difusión da ciencia
O catedrático de Electromagnetismo da USC, Jorge Mira Pérez, acaba de converterse no primeiro físico en ser galardoado co Premio da Confederación de Sociedades Científicas de España (COSCE) á difusión da Ciencia nos seus dezaseis anos de historia. Do profesor Mira, que sucede na listaxe de premiados a Lluís Montoliu, o xurado destacou o seu labor como director do programa ConCiencia da USC e o Consorcio de Santiago no que teñen participado máis de corenta premios Nobel ou o seu equivalente en Matemática e Ciencias da Computación.
A COSCE, entidade que concentra 87 sociedades científicas, outorga este galardón en colaboración coa Fundación Ramón Areces. O xurado, composto pola presidenta da Confederación, Perla Wahnón Benarroch; o paleoantropólogo, Juan Luis Arsuaga Ferreras (gañador deste premio na súa edición 2012); e a asesora en Innovación e Sustentabilidade, experta en tendencias enerxéticas, María Luisa Castaño Marín, subliñou a capacidade de Jorge Mira para chegar a amplas audiencias divulgando diferentes disciplinas científicas.
"O seu currículo investigador é excelente, compaxinando as súas actividades docentes e de investigación cunha extensa e continua actividade de divulgación científica moi completa. Destacamos, ademais, a súa importante contribución en temas relacionados coa física, a súa especialidade como investigador, e destacamos o programa ConCiencia, realizado con participación directa de Premios Nobel", explica o xurado no seu ditame. A candidatura de Jorge Mira Pérez foi apoiada por dúas sociedades científicas de COSCE: a Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA) e a Real Sociedade Española de Física (RSEF).
Currículo
Ademais de dirixir o programa ConCiencia durante os seus dezasete anos de historia, o profesor Mira (Baio, A Coruña) abarcou na súa traxectoria investigadora áreas de coñecemento que van dende a ciencia de materiais e a física matemática ata o estudo de sistemas sociais. Algúns dos seus traballos foron realizados en colaboración con John B Goodenough, Premio Nobel de Química 2019. Pola devandita traxectoria foi recoñecido con diferentes galardóns, sendo o máis recente a Medalla de investigación de Galicia en 2022. En 2018 foi nomeado membro da comisión de expertos do Goberno de España para a reforma da hora oficial. O premiado realiza ademais unha destacada difusión da ciencia dende finais dos anos 90 nunha ampla variedade de formatos: prensa (varios centenares de artigos e columnas), radio (máis de 1.000 emisións das súas seccións de divulgación), televisión (da orde de 2.500 seccións ou programas completos) e organización de grandes accións de comunicación da ciencia.
Pola súa divulgación científica ten recibido numerosos premios entre os que destacan o Premio da Real Sociedade Española de Física – Fundación BBVA (2012); Prisma especial do xurado - XXX Prismas Casa das Ciencias (2017); Premio da Real Academia Galega de Ciencias e Xunta de Galicia de divulgación científica (2020).
ConCiencia
O programa ConCiencia tende pontes entre as personalidades convidadas e o corpo de persoal investigador de áreas de coñecemento afíns e, ademais, serve de marco para accións de difusión á sociedade de alto impacto en medios de comunicación.