Ir o contido principal

José López Calo inaugura este mércores as Conversas líricas no Paraninfo

Coa conferencia ‘A ópera en Galicia’, o musicólogo José López Calo inaugurará este mércores 6 de febreiro ás 20.00 horas as Conversas líricas no Paraninfo, un ciclo de debate sobre os grandes clásicos da historia da música organizado pola asociación Amigos da Ópera de Santiago en colaboración coa USC. López Calo (Porto do Son, 1922) estudou a carreira eclesiástica no Seminario de Santiago de Compostela e na Compañía de Xesús para logo licenciarse en Filosofía pola Universidade Pontificia de Comillas e en Teoloxía pola de Granada. Dende 1973 é profesor agregado, e máis tarde catedrático, de Historia da Música na Universidade de Santiago de Compostela. É membro de numerosas academias e sociedades internacionais de musicoloxía e socio fundador das sociedades nacionais de Italia e España, ademais de académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes e correspondente da de San Fernando, Granada, Segovia, Sevilla e Valladolid. López Calo é autor de preto de 60 libros de musicoloxía e de máis de 250 artigos nas principais revistas de musicoloxía do mundo así como en enciclopedias e dicionarios de música, entre os que destacan colaboracións co alemán Die Musikin Geschichte und Gegenwart e co The New Grove Dictionary of Music and Musicians. Entre a súa produción atópanse numerosos catálogos e documentarios dos arquivos das principais catedrais españolas (Ávila, Burgos, Calahorra, Granada ‐catedral e capela real‐, Palencia, Plasencia, Santo Domingo da Calzada, Santiago de Compostela, Segovia e Zamora). Posúe numerosas condecoracións, nacionais e internacionais, entre as que destaca a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes en 1989 e o Premio das Letras e Artes de Galicia en 2002.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.02.2013.