Ir o contido principal

José Nores e Iago Santalla participan nun coloquio aberto sobre parálise cerebral con estudantes de Formación de Profesorado

Relatores participantes no coloquio sobre parálise cerebral celebrado en Formación de Profesorado
Relatores participantes no coloquio sobre parálise cerebral celebrado en Formación de Profesorado
O presidente da Aspace Galicia, Eulogio López, reivindica a igualdade de oportunidades e defende as capacidades das persoas con parálise cerebral na apertura da sesión

A Facultade de Formación de Profesorado do campus de Lugo acolleu este luns un coloquio aberto sobre a realidade da parálise cerebral no que intervirán como relatores o licenciado en Psicoloxía José Nores e o doutorando en Humanidades Iago Santalla, dous titulados universitarios egresados da USC que relataron neste acto as súas respectivas experiencias vitais durante o seu tránsito polas aulas universitarias.

O obxectivo desta sesión, promovida , no marco do Ano Galego da Parálise Cerebral a iniciativa da Federación Galega de Parálise Cerebral (Aspace Galicia), é o de reivindicar a igualdade de oportunidades das persoas con parálise cerebral, segundo indicou o presidente de Aspace Galicia. Eulogio López Río subliñou no acto de apertura desta sesión, organizada en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, o descoñecemento social que aínda hoxe en día existe sobre a parálise cerebral, a pesar de que “moitas persoas afectadas por esta patoloxía están a desenvolver cargos importantes e visibles no eido social e institucional”. A parálise cerebral é unha das discapacidades máis descoñecidas pola sociedade e a presenza de persoas con parálise cerebral no ámbito universitario é escasa, subliñou López Río, para logo facer fincapé no interese dos testemuños persoais relatados polos dous convidados neste coloquio. O decano da Facultade de Formación de Profesorado, Francisco Rodríguez Lestegás, e a vicedecana do referido centro universitario, Carmen Díaz Rodríguez, tamén participaron na apertura dunha sesión divulgativa, a través da que Aspace Galicia quere achegar a realidade do colectivo de persoas afectadas de parálise cerebral ao estudantado universitario. Este cometido coincide ademais cos obxectivos primordiais do Ano Galego de da Parálise Cerebral, que pretende contribuír dar máis visibilidade e a por en valor as capacidades das persoas con parálise cerebral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.12.2014.