Ir o contido principal

José Tubío recolleu o Premio a Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal

O profesor Tubío, segundo pola esquerda, recolleu o galardón nunha cerimonia que se desenvolveu en Compostela
O profesor Tubío, segundo pola esquerda, recolleu o galardón nunha cerimonia que se desenvolveu en Compostela
Dende 2016, este investigador da USC dirixe o grupo Xenomas e enfermidade do CiMUS integrado por unha vintena de investigadores e investigadoras
Santiago de Compostela

O profesor da USC José Tubío, recoñecido na modalidade dirixida a talentos emerxentes do Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal, recolleu o galardón nunha cerimonia que se desenvolveu este xoves en Compostela, pola “súa contribución en varios dos descubrimentos máis importantes no campo da xenómica do cancro”. Tubío é investigador do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS).  

Dende 2016, este científico dirixe o grupo Xenomas e enfermidade integrado por unha vintena de investigadores e investigadoras. “Foi unha sorpresa. Este premio é un recoñecemento ao traballo que levamos anos desenvolvendo na primeira liña da loita contra o cancro e aos descubrimentos máis relevantes no eido da xenómica desta enfermidade”, afirmou o profesor Tubío. “Eu só son a cara visible dun grupo integrado por vinte investigadores, este galardón vén a recoñecer a traxectoria consolidada deste equipo”, engadiu. O grupo Xenomas e enfermidade está especializado en identificar os procesos e mecanismos que causan as mutacións que necesitan as células canceríxenas para sobrevivir e crecer. O aspecto máis destacado da súa investigación son os estudos do ADN móbil, é dicir, o material xenético capaz de moverse a diferentes partes dun xenoma.

Tubío xa recolleu a comezos de ano o Premio Nacional de Investigación en cancro ‘Doutores Diz Pintado’ que premia o esforzo e a traxectoria científica na área da investigación oncolóxica do mellor novo investigador español, realizada dentro ou fóra de España, e que supuxese a xeración, desenvolvemento e/ou aplicación dos novos coñecementos biolóxicos e clínicos sobre o cancro. Ademais, foi recoñecido co ASEICA Young Investigator Award 2020, dirixido a premiar a traxectoria científica de excelencia de mozos investigadores na área do cancro.

Durante os últimos seis anos, José Tubío dirixiu tamén un dos grupos de traballo integrados no proxecto Pan-Cancer Analysis  of  Whole  Genomes. Este foi un dos proxectos máis ambiciosos do mundo no campo da xenómica do cancro, que está enmarcado no Consorcio Internacional de Xenoma do Cancro.

Tubío participou tamén en avances como o achado de novos xenes implicados no desenvolvemento de determinadas leucemias e do condrosarcoma, un tipo de cancro pouco frecuente que adoita comezar nos ósos. Tamén identificou novos mecanismos de mutación en cancro, da dinámica das metástases, de mutacións de xenes en tecidos sans e o seu papel no proceso de transformación do tecido san ao tumoral, xenes que dirixen os cancros transmisibles, ou como determinados virus poden afectar á estabilidade do xenoma.

Editorial en Nature

Unha mostra da relevancia investigadora do equipo do profesor Tubío quedou patente ao facerse eco a revista Nature dun artigo deste grupo do CiMUS sobre o diagnóstico precoz do cancro hepático e a súa potencial eficiencia terapéutica. A publicación científica fixo referencia nun editorial titulado ‘A fin do cancro de fígado’ ao traballo que o grupo liderado por José Tubío publicou en novembro do pasado ano. Os investigadores do CiMUS desvelaban nese momento datos xenómicos que poderían axudar a diagnosticar o cancro hepático ata dúas décadas antes de que se manifestase. O achado enmárcase no consorcio internacional PanCancer integrado por equipos de Inglaterra, Xapón e España, que utilizaron avanzadas tecnoloxías de secuenciación do ADN para describir unha nova vía de formación de tumores como consecuencia da actividade do virus VHB. Estas novas liñas de estudo apuntan a analizar a integración de VHB en tecidos pre-tumorais para dispor dunha visión global do proceso de desenvolvemento tumoral desde un punto de vista evolutivo.

Desafíos e solucións

O Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal instaurouse no ano 2011 grazas ao apoio do empresario e mecenas Ramiro Carregal coa vontade de poñer en marcha unha iniciativa que servise para apoiar a loita contra o cancro e, ao mesmo tempo, recoñecer o esforzo do persoal investigador que fai posible avanzar no coñecemento da enfermidade. Deste xeito, a meta deste galardón consiste en “recoñecer o traballo chave á hora de afrontar o enorme desafío de atopar solucións a un dos grandes males da humanidade”, ademais de “premiar o esforzo e a traxectoria científica na área da investigación oncolóxica, que supoña a xeración, desenvolvemento e/ou aplicación dos novos coñecementos biolóxicos e clínicos sobre o cancro”, tal como din as bases do galardón.

No ano 2018, coincidindo coa oitava edición do premio, engadiuse un novo galardón, o Premio Ramiro Carregal a Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica. Este premio que acaba de recoñecer o traballo do profesor Tubío pretende poñer en valor a actividade do persoal investigador máis novo e servir de estímulo para que continúen nesa mesma liña. No marco destes galardóns, foi tamén recoñecido co Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal, Carlos Cordón-Cardó, profesor de Patoloxía no Mount Sinai Health System de Nova York.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.05.2022.