Ir o contido principal

Jotinho’s encherá este xoves de bossa nova e samba o Auditorio da Facultade de Veterinaria

Jotinho’s encherá este xoves de bossa nova e samba o Auditorio da Facultade de Veterinaria
Jotinho’s encherá este xoves de bossa nova e samba o Auditorio da Facultade de Veterinaria

Coñecidos músicos da cidade de Lugo compoñen Jotinho's, un proxecto que naceu coa intención de explorar as vertentes máis clásicas da bossa nova que será, xunto coa samba, a que protagonice o concerto deste xoves 27 ás 20.30 horas na Facultade de Veterinaria, con entrada libre. Precisamente nesa facultade estuda o guitarrista do grupo, Fernán Gómez, a quen acompañan Ro Muñoz na batería, ao contrabaixo Carlos Doval e ao piano Luis Monsalve, todos eles músicos de dilatada traxectoria. Á voz está Silvia Viñas, cuxo entusiasmo foi clave á hora de concibir o proxecto. O seu repertorio ten como denominador común os concertos que Vinícius de Moraes e Toquinho ofreceron en Bos Aires e Punta del Este en ‘La Fusa’ e nos que tamén participaban Maria Creuza e María Betanhia na voz e un elenco de músicos arxentinos de primeiro nivel. Ademais dos temas popularizados por esta gravación, Jotinho's interpreta outros clásicos da bossa nova así como sambas recoñecibles por todo o público. A intención do grupo é devolver á actualidade os temas dun dos mellores discos de música brasileira.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.10.2011.