Juan Casares Long e Lourenzo Fernández Prieto pasan á segunda volta das eleccións a reitor na USC
Os catedráticos Juan Casares Long e Lourenzo Fernández Prieto son os candidatos á Reitoría que acadaron maior número de votos nas eleccións celebradas este mércores na USC. Deste xeito, serán eles dous os que concorran á elección definitiva que terá lugar o 24 deste mes logo dunha nova campaña electoral do día 19 ao 22.
Na votación o catedrático Casares Long conseguiu 1.483 votos reais, que logo de realizar a ponderación (a elección de reitor ou reitora realízase por sufraxio universal con voto ponderado, que se determina en función do sector) supón o 26,38%. Fernández Prieto fíxose con 1.473 votos, o 20,77% do voto ponderado.
Nesta porcentaxe de voto seguiulles a catedrática Mercedes Brea co 14,25% (826 votos reais); Pilar Bermejo co 13,21% (1.129); Laura Sánchez Piñón co 13,08% (830 votos); Jaime Gómez Márquez co 8,60% (474) e Juan Varela Durán co 3,71% (345).
Por sectoresPor sectores, o profesor Juan Casares Long acadou maioría nos sectores de profesorado funcionario doutor (30,4% do voto ponderado), non doutor (33,8%), contratado doutor, colaborador, axudante doutor e axudante (25,19%), outro profesorado (24,06%) e estudantes de terceiro ciclo (26,85%). Pola súa banda, Fernández Prieto alcanzou maior porcentaxe de voto ponderado nos sectores de estudantes de primeiro e segundo ciclo (23,4%), investigadores en formación (21,50%) e no PAS (24,36%).
Índice de participaciónNestas eleccións a reitor o índice estimado de participación foi do 89,46% no sector de profesorado contratado doutor, colaborador, axudante doutor e axudante, seguido do profesorado funcionario doutor co 84,14% e do non doutor co 77,38%. O PAS votou nun 68,71%, mentres que da categoría Outro profesorado acudiu ás urnas o 40,88%. O 23,31% correspóndese coa participación dos investigadores en formación, o 13,20% cos estudantes de 1º e 2º ciclo e, finalmente, o 5,78% cos estudantes de terceiro ciclo e posgrao.
CensoO total do censo repártese entre 1.349 do sector de profesorado funcionario doutor, que representa o 51 % do voto ponderado para a elección de reitor ou reitora; o resto do PDI (o 14 % do voto ponderado) distribúese entre funcionario non doutor (84 persoas), contratado doutor, colaborador ou axudante doutor e axudantes (294) e outro PDI (795); o terceiro sector, de investigadores en formación e estudantes de terceiro ciclo e posgrao, o 3 % do voto ponderado, conta con 1.257 investigadores en formación e 1.867 estudantes de terceiro ciclo e posgrao; os estudantes de primeiro e segundo ciclo, 26.516, co 24% do voto ponderado e, finalmente, o persoal de administración e servizos, con 1.403 censados, que tería o 8 % do devandito voto.
Os resultados correspondentes á elección de representantes no Claustro e nos Consellos de departamento coñecerase en datas vindeiras, previsiblemente este xoves