Ir o contido principal

O Labirinto da Guitarra actúa o luns en Lugo dentro da programación de Lugo Cultural

O ciclo 'Músicas a carón da Mosqueira' comprende tres concertos de música clásica e un de electroacústica

A programación do Convenio Lugo Cultural continuará o luns 14 cun novo concerto do ciclo musical que leva por título ‘Músicas a carón da mosqueira’, creado para traer a Lugo artistas que utilizan instrumentos que non son moi habituais.
O luns, ás 20:30 horas, actuará no Salón Rexio do Círculo das Artes O Labirinto da Guitarra, que traerá a Lugo os sons portugueses da man de Pedro Caldeira Cabral, á guitarra, e de Joaquim António Silva, á viola. Continuará o ciclo coa electroacústica de Edson Zamprhona, que estará en Lugo os días 18 e 19 de xaneiro impartindo o curso monográfico ‘Músicas para a escola’, dentro da programación anual do Espazo de Creación Musical da Vicerreitoría de Cultura. O concerto será ás 20:30 horas do venres 18 tamén no Círculo das Artes.
As actuacións previstas para abrir o ciclo os días 9 e 10 deste mes foron suspendidas tras a morte do bispo emérito de Lugo José Gómez. Trátase da artista de clave Cheng-I Chen Liu e do Trío da Ponte, cun concerto de clarinete e fagot. Estas dúas citas foron aprazadas ao mes de febreiro e se celebrarán na Fundación Caixa Galicia. O de clave será o día 27 e o de vento o 13.
Os concertos de clásica están feitos coa colaboración de Clásicos en Ruta e o de Zamprhona pola mediación do Grupo de Creación musical da Vicerreitoría de Cultura, dirixido por Inmaculada Cárdenas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.01.2008.