O LaboraTe do Campus Terra da USC participa na mellora do catastro e da xestión das terras rurais en Ecuador

O LaboraTe da USC, un grupo de investigación con sede na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC especializado no estudo do territorio, vén de participar no proxecto Sigtierras, do Programa Sistema Nacional de Información y Gestión de Tierras Rurales e Infraestructura Tecnológica de Ecuador, que ten como obxectivo implantar neste país centroamericano un sistema eficiente de xestión de catastro e rexistro da propiedade da terra rural.
O proxecto Sigtierras, que conta con financiamento do Banco Interamericano de Desenvolvemento, contempla entre a súas prioridades brindar seguridade xurídica aos dereitos de propiedade, ademais de servir de ferramenta de apoio á aplicación de políticas tributarias dos cantóns que compoñen Ecuador, así como prover información para a planificación e o ordenamento territorial. Os investigadores do Laboratorio do Territorio (LaboraTe) do Campus Terra da USC formaron parte do equipo avaliador deste proxecto, no que coincidiron con outros investigadores doutras universidades, así como avaliadores independentes. O seu labor de supervisión estivo coordinado pola Universidade del Azuay (Ecuador). O informe final da avaliación deste proxecto, un documento que será presentado á Unidade Executora e ao equipo de administración do proxecto do Banco Interamericano de Desenvolvemento, resalta o enorme potencial desta iniciativa na configuración eficiente e efectiva dun sistema de administración de terras multipropósito articulado sobre tres dos produtos desenvolvidos no marco do proxecto. O Centro Geomático Virtual, que almacena fai dispoñible un alto volume de cartografía xerada, como é a ortofotografía, cartografía temática (modelo dixital do terreo, xeomorfoloxía, cobertura e usos do solo, sistemas produtivos, accesibilidade…) e parcelario catastral; o Sistema Nacional para la Administración de Tierras (SINAT), unha solución informáticadesenvolvida con software libre para a actualización de base de datos predial e a xestión dos trámites catastrais, e o Sistema de Orientación Legal (SIOL), ferramenta creada tamén en software libre e que é utilizada por asesores legais para o apoio nos procesos de regularización das terras rurais, constitúen os tres eixes sobre os que se asenta esta actuación. Para o informe da avaliación, o LaboraTe organizou entrevistas coa Unidade Executora do proxecto, ademais de celebrar obradoiros cos que se analizaba a relevancia da información de ortofotografía e cartografía temática xa dispoñible e tamén o propio Sistema Nacional para a Administración de Terras. Asemade, os membros do LaboraTe tamén realizaron entrevistas con persoal técnico e político de sete Municipalidades ecuatorianas, af in de valorar o grao de acollida e emprego da información catastral. Esta nova actuación do LaboraTE da USC, un grupo creado a mediados da década dos anos noventa do século pasado, constata a súa aposta manifesta pola transferencia do coñecemento, así como polo impulso de metodoloxías de investigación e acción nas que o desenvolvemento integral do medio rural e a mellora da calidade de vida dos seus habitantes é unha constante.