O Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía e a USC estudan vías de colaboración futuras
O director xeral do Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía de Braga (INL), Lars Montelius, mantivo este xoves un encontro co reitor da USC, Juan Viaño, para analizar un programa de accións estratéxicas entre a institución docente e o laboratorio con sede en Braga de cara a fortalecer as actuais colaboracións e amplialas a curto e medio prazo. Na xuntanza estiveron acompañados do vicerreitor de Internacionalización, Carlos Salgado, da vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes e do profesor José Rivas, director do INL ata setembro do pasado ano e coordinador do grupo deste instituto dedicado á investigación de nanopartículas e nanoestruturas. A xuntanza serviu para expresar o interese en profundar nas actuais relacións entre o laboratorio e a Universidade compostelá no relativo a intercambio de investigadores así como no desenvolvemento de proxectos para a aplicación da nanotecnoloxía en campos como a medicina, a alimentación ou os materiais, entre outros. Tamén se puxo de manifesto o obxectivo de manter o actual marco de colaboración académico e fortalecer a súa transferencia ao tecido produtivo coa busca de acordos de colaboración coas empresas e a industria. Está previsto que esta cooperación se concrete en programas de doutoramento orientados á nanomedicina e outros proxectos que permitan o achegamento entre a industria e o mundo académico. Neste senso, a estadía de Montelius na USC permitirá traballar no deseño de futuros proxectos no marco do proxecto Invennta, dotado con 2,8 millóns de euros e coordinado polo profesor José Castillo, e que agrupa a representantes da USC, do Complexo Hospitalario de Compostela, do IDIS e do propio INL. Ademais da xuntanza co reitor compostelán, Lars Montelius tamén mantivo xuntanzas de traballo con Manuel Varela da Axencia Galega de Innovación e coa directora xeral de Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Sonia Martínez Arca. O Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía de Braga é a primeira, e ata agora a única organización de investigación totalmente internacional que en Europa traballa no campo da nanociencia e a nanotecnoloxía. O INL é o resultado dunha decisión conxunta dos gobernos de Portugal e España, tomadas en novembro de 2005.