Ir o contido principal

O Laboratorio de Materiais, Baixas Temperaturas e Supercondutividade, na liña investigadora dos Nobel de Física 2016

O estudo de materiais en dimensión reducida -como por exemplo, o acoplamento vórtice-antivórtice en sistemas bidimensionais estudado polos premios Nobel de Física deste ano John Kosterlitz e David Thouless- son un dos campos de traballo principais do grupo de investigación do Laboratorio de Materiais, Baixas Temperaturas e Supercondutividade da USC (LBTS).

Así, a tese de doutoramento da tamén investigadora deste laboratorio Noelía Cotón constitúe unha das poucas medidas experimentais da coñecida como transición de Kosterlitz-Thouless, usando para isto capas delgadas de gran calidade creadas pola propia investigadora e medidas de magnetometría por interferencia cuántica de gran precisións realizadas no laboratorio LBTS. Neste mesma liña, o profesor Manuel V. Ramallo explica que o traballo de investigación destes fenómenos físicos en sistemas de dimensionalidade reducida segue activa e promete interesantes resultados para un futuro inmediato. Como mostra, sinala o traballo fin de máster de D. Faílde, máxima cualificación do pasado curso, que presentaba unha nova análise de sistemas bidimensionais acoplados entre si en termos da súa transición Kosterlitz-Thouless colectiva.

O profesor Ramallo lembra tamén o traballo realizado por Carlos Carballeira sobre a física de vórtices e antivórtices, portada da prestixiosa revista Physical Review Letters da American Physical Society, ou o máis recente de Alberto Ramos Álvarez que comenta o comportamento bidimensional de novos materiais supercondutores baseados en ferro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.10.2016.