O Laboratorio de Radiofísica da USC colabora coa industria aeroespacial
O traballo de deseño dos satélites que poboan o espazo ao redor do planeta pasa polo Campus Universitario de Compostela. Isto débese a que o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) somete os compoñentes dos seus satélites a probas de resistencia á radiación no Laboratorio de Radiofísica da USC (LRUSC), que dirixe o profesor Faustino Gómez. O INTA participa no desenvolvemento de satélites artificiais en diversas misións nacionais e internacionais (ESA, NASA, JAXA).
Os investigadores da USC deben calcular os niveis de radiación que reciben os compoñentes nas probas. Trátase dunha fase de especial importancia xa que no espazo, fóra da atmosfera, “existen uns niveis de radiación moito máis altos que na Terra”, indica Diego González, investigador deste Laboratorio. Neste senso, as probas permiten elixir os compoñentes eléctricos máis idóneos para os distintos subsistemas e cargas útiles dun satélite.
Ademais e como resultado das últimas probas realizadas co INTA no mes de xaneiro, o LRUSC desenvolveu un novo detector que será de utilidade no “deseño de futuros satélites así como para coñecer con maior exactitude que doses de radiación recibirán os cosmonautas en futuras misións espaciais”.
Apoio á investigaciónO LRUSC forma parte, como plataforma tecnolóxica, da Rede de Infraestruturas Asociadas á Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT) prestando servizos á comunidade industrial e investigadora de irradiación gamma.
O estudo dos efectos da radiación sobre obxectos, persoais ou animais así como a utilización dos efectos, coñecidos previamente, da radiación son algúns exemplos dos servizos ofrecidos polo LRUSC, aos que tamén se suma o de radioterapia animal. Esta última actividade realízase dentro dun convenio coa Fundación Hospital Veterinaria Rof Codina. Nesta liña, o Laboratorio compostelán encárgase dos cálculos do tratamento e administración de radioterapia a doentes para acadar a máxima precisión.