Ir o contido principal

O Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental da USC recibe o Premio de Minaría e Metalurxia Sostible polo proxecto ‘Tecnosoles’

Felipe Macías recolle o premio de mans da directora de Industria e Minaría da Xunta de Andalucía
Felipe Macías recolle o premio de mans da directora de Industria e Minaría da Xunta de Andalucía
O xurado do galardón valorou o carácter innovador e o enorme ámbito de aplicabilidade do proxecto, segundo o coordinador do LAT-USC, Felipe Macías

O Foro de Desenvolvemento Mineiro e Sostible, promovido pola Confederación Nacional de Empresarios de Minaría e Metalurxia (Confedem) e organizado por Ifema e o Grupo TPI, distingue co Premio de Minaría e Metalurxia Sostible ao Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC (LTA-USC) polo proxecto ‘Tecnosoles. Corrección e prevención dos impactos en augas, solos e ecosistemas de explotacións mineiras’, desenvolvido por Felipe Macías Vázquez, Manuel Bao Iglesias e Felipe Macías García.

O xurado encargado de fallar este galardón valorou o carácter innovador e o enorme ámbito de aplicabilidade do proxecto, que xa foi probado con éxito en distintas contornas dentro e fóra de España, segundo relatou o catedrático e coordinador do LTA-USC, Felipe Macías Vázquez, quen recibiu o premio no Centro de Convencións Norte da Feira de Madrid de mans da directora de Industria e Minaría da Xunta de Andalucía. ‘Tecnosoles’ é un proxecto de tecnoloxía española, cun gran potencial de desenvolvemento e a través do que España proxecta ao mundo competencia en innovación e tecnoloxía, relatou Macías Vázquez. O coordinador do LTA-USC tamén destacou que o proxecto ‘Tecnosoles’ ten unha ampla e documentada base tecnolóxica e científica que soubo recuperar o gran reto que representa para a innovación “a viaxe que vai desde a idea ata a súa realidade no mercado, para así ofrecer a través do coñecemento unha resposta á demanda actual da sociedade”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.06.2014.