Ir o contido principal

O Laboratorio do Territorio da EPS de Enxeñaría da USC achega á ONU recomendacións para a redución do risco de desastres

O Laboratorio do Territorio da EPS de Enxeñaría da USC achega á ONU recomendacións para a redución do risco de desastres
O Laboratorio do Territorio da EPS de Enxeñaría da USC achega á ONU recomendacións para a redución do risco de desastres
O investigador do LaboraTE Urbano Fra Paleo participa como asesor do último informe no que a ONU pide máis fondos para afrontar os riscos derivados do cambio climático

O Laboratorio do Territorio (LaboraTE) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC tivo unha participación activa na elaboración do último informe que vén de presentar a ONU na Plataforma Global para a Redución de Desastres 2019, un foro global de carácter bienal que vén de celebrarse en maio na capital suíza e no que participaron arredor de 5.000 representantes gobernamentais, de organizacións internacionais e multilaterais, organizacións non gobernamentais e institucións académicas de todo o mundo.

A contribución do LaboraTE da USC ao último documento informativo publicado polo Consello asesor de ciencia e tecnoloxía da oficina para Europa (E-STAG) é obra do investigador Urbano Fra Paleo, que tamén imparte a materia de riscos naturais e antrópicos no Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio e actúa como representante de España nesta oficina da ONU para a redución do risco de desastres.

O informe sobre prevención e riscos de catástrofes debatido en Xenebra centra os seus contidos nos desafíos que presenta a obtención de datos sobre desastres e vulnerabilidade, ao tempo que fai especial fincapé nos datos socioeconómicos, así como no intercambio de información entre os diferentes niveis da Administración, desde a local ata a nacional.

As recomendacións recollidas neste documento, que será a base para definir as prioridades e as accións políticas dos países europeos no período 2019-2020, apuntan a necesidade de asignar fondos suficientes para adaptarse aos riscos asociados ao cambio climático e especialmente a aqueles derivados da subida do nivel do mar ou extremos meteorolóxicos como as ondas de calor.

A prestación de máis atención ás dimensións demográficas e particularmente á poboación cada vez máis avellentada, así como aos emigrantes e refuxiados; a concienciación sobre a importancia de dispor de datos fiables e o máis completo posible para tomar mellores decisións, e a sensibilización social sobre a existencia de barreiras que impiden o intercambio e o uso de datos que permitan a gobernanza do risco de desastres constitúen outros dos piares nos que se asenta este informe da E-STAG.

As recomendacións e liñas de actuación propostas sinaladas pola oficina da ONU para a redución do risco de desastres mereceu os parabéns de Mami Mizutori, Representante Especial do Secretario Xeral de Nacións Unidas neste ámbito, quen salientou a destacou a importancia de E-STAG para apoiar aos países europeos nos esforzos para aplicar o Marco de Sendai.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.06.2019.