Ir o contido principal

Os latinoamericanistas españois celebran na USC o seu congreso internacional bianual

Baixo o lema ‘200 años de Iberoamérica (1810-2010)’, en conmemoración do Bicentenario das Independencias

As Facultades de Xeografía e Historia e de Filosofía serán entre este martes 15 e o día 18 as sedes simultáneas do XIV Encontro de Latinoamericanistas Españois, a reunión bianual do Consello Español de Estudos Iberoamericanos (CEEIB) que reunirá máis de trescentos especialistas no campo do americanismo procedentes de 22 países e representando a máis de cen universidades e institucións. Organizado polo Centro Interdisciplinario de Estudios Americanistas Gumersindo Busto ( CIEAM ) da USC, o Departamento de Historia Contemporánea e de América e o CEEIB, o encontro preséntase baixo o epígrafe ‘200 años de Iberoamérica (1810-2010)’ en conmemoración do Bicentenario das Independencias. Inauguración A inauguración da reunión terá lugar este mércores 15 ás 19:30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca nun acto presidido polo reitor Juan Casares que estará acompañado da presidenta do CIEAM e do comité organizador, a profesora da USC Pilar Cagiao, e a presidenta do CEEIB, Elda González. Deseguido, o profesor da Universidade de California Fernando López-Alves pronunciará a conferencia de apertura ‘A nación na urbe posneoliberal en América Latina: Bos Aires, Montevideo, Lima’. Os asistentes trasladaranse logo, cara ás 20:30 horas, á Biblioteca América para inaugurar a exposición ‘As independencias e os centenarios na Biblioteca América da USC’ que, comisariada por Pilar Cagiao, recolle unha mostra representativa dos fondos bibliográficos, numismáticos e medallísticos da Biblioteca en relación á conmemoración do Bicentenario das Independencias en Latinoamérica (1810-2010). Debate multidisciplinar O encontro, que contará con vinte áreas temáticas, formúlase como un espazo de reflexión e debate científico sobre o mundo iberoamericano desde os máis variados enfoques disciplinares tomando como eixes da discusión tres momentos cronolóxicos fundamentais: o tempo das independencias, os anos das primeiras conmemoracións centenarias e a actualidade. Deste xeito, as independencias, os movementos migratorios, as mobilizacións socio-políticas, o indixenismo ou o desenvolvemento económico son algúns dos aspectos arredor dos que xirarán as comunicacións. Este é o décimo cuarto encontro dunha tradición nacida en 1988 no seno do CEEIB, pasando a converterse nunha das principais actividades da institución. A partir do tecido de relacións xerado coas organizacións, asociacións e universidades de América Latina, este congreso é xa un espazo aberto de encontro para o seguimento das novas realidades iberoamericanas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.09.2010.