Ir o contido principal

Os latinoamericanistas españois reúnense en Santiago no seu congreso internacional bianual

Baixo o lema ‘200 años de Iberoamérica (1810-2010)’ en conmemoración do Bicentenario das Independencias

Compostela será entre o 15 e o 18 de setembro a sede do XIV Encontro de Latinoamericanistas Españois, a reunión bianual do Consello Español de Estudos Iberoamericanos (CEEIB) que reunirá máis de trescentos especialistas no campo do americanismo procedentes de 22 países e representando a máis de cen universidades e institucións. Organizado polo Centro Interdisciplinario de Estudios Americanistas Gumersindo Busto ( CIEAM ) da USC e o Departamento de Historia Contemporánea e de América, o encontro preséntase baixo o epígrafe ‘200 años de Iberoamérica (1810-2010)’ en conmemoración do Bicentenario das Independencias. O encontro, que contará con vinte áreas temáticas, formúlase como un espazo de reflexión e debate científico sobre o mundo iberoamericano desde os máis variados enfoques disciplinares tomando como eixes da discusión tres momentos cronolóxicos fundamentais: o tempo das independencias, os anos das primeiras conmemoracións centenarias e a actualidade. Deste xeito, as independencias, os movementos migratorios, as mobilizacións socio-políticas, o indixenismo ou o desenvolvemento económico son algúns dos aspectos arredor dos que xirarán as comunicacións das persoas participantes no evento, que se desenvolverá nas Facultades de Xeografía e Historia e Filosofía.

Este é o décimo cuarto encontro dunha tradición nacida en 1988 no seno do CEEIB, pasando a converterse nunha das principais actividades da institución. A partir do tecido de relacións xerado coas organizacións, asociacións e universidades de América Latina, este congreso é xa un espazo aberto de encontro para o seguimento das novas realidades iberoamericanas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.09.2010.