Laura Pérez e Mireia Frutos ofrecen este luns un concerto de piano a catro mans no marco de ‘Músicas a carón da Mosqueira’

As pianistas madrileñas Laura Pérez Díaz e Mireia Frutos Fernández, que integran George Sand Piano Dúo, ofrecerán este luns 17 de abril, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, un concerto de piano a catro mans. Esta actuación, de entrada libre e de balde ata completar aforo, como todas as actuacións programadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, encádrase no ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’.
O programa que interpretará George Sand Piano Dúo na súa actuación na Casa do Saber de Lugo está estruturado en dous actos e inclúe composicións de Abraham Tena Manrique, Rachmaninov, Manuel de Falla, Camille Saint-Saëns e Johannes Brahms.
Laura Pérez Díaz e Mireia Frutos Fernández coñécense no transcorrer dos seus estudos no Conservatorio Profesional de Música Padre Antonio Soler de San Lorenzo de El Escorial. Animadas pola que era profesora de piano de ambas, Ana Isabel Fernández, debido á súa similar concepción da interpretación musical, inícianse xuntas no repertorio para piano a catro mans. Deseguida son conscientes da compenetración e entendemento que existe entre elas, o que lles permite afondar sen dificultade no repertorio que traballan. Despois dun período de receso no que ámbalas dúas pianistas continuaron ampliando os seus estudos tanto como solistas, como no ámbito da música de cámara, deciden proseguir a súa colaboración coa creación do George Sand Piano Duo, sendo o principal asesor do seu proxecto o profesor Enrique Bernaldo de Quirós e recibindo clases maxistrais de Josep Colom.
George Sand Piano Dúo é un dos grupos de música de cámara seleccionados pola AIE para participar na edición 2016/2017 do programa Clásicos en Ruta. Actuaron en diferentes ocasións dentro da programación da Sociedade de Concertos de Palma de Mallorca, incluíndo o concerto homenaxe a Antón García Abril, no que interpretaron a súa obra Homenaje a Copérnico. Tamén se presentaron en auditorios como a Sala Eutherpe de León ou a Casa de la Cultura de San Lorenzo de El Escorial e foron incluídas na programación duns dos ciclos, organizados por Bell´Arte Europa. Todos os seus concertos foron recibidos con grande entusiasmo por parte do público asistente e da crítica especializada.