Lembrando a ‘Gloriosa’

Sete décadas desde a fin da Guerra Civil Española non puideron coa memoria de quen quere render unha merecida homenaxe ás persoas que formaron parte das Forzas Armadas da República e combateron na contenda do 36. A orixe, historia e traxectoria do que se deu en chamar La Gloriosa -aínda que algúns dos seus membros preferían Aviación Sufrida y Heroica- exporase dende esta semana na mostra ‘Aviadores da República’ que organiza a Asociación de Aviadores da República (ADAR) en colaboración coa Fundación AENA e o Ateneo de Santiago. A inauguración terá lugar este xoves ás 20.00 horas no Colexio de Fonseca nun acto ao que asisten o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; o presidente de AENA, Juan Ignacio Lema; o presidente do Ateneo, Salvador García-Bodaño; e un representante de ADAR. A exposición pretende ademais amosar os vencellos de fraternidade que os aviadores republicanos estableceron durante a contenda e na posguerra, entendendo por eles as persoas encargadas de pilotaxe, observacións, metralla, armas, mecánica, soldados, especialistas e administrativos. Nos duros momentos do confinamento carcerario, o exilio en Europa, África e América ou nos campos de batalla da Segunda Guerra Mundial, os fortes lazos de irmandade non se romperon, servindo tanto para a reivindicación e obtención dos seus dereitos como militares profesionais na democracia como para a consolidación dunha rica memoria histórica aeronáutica. O material que se expón é produto dun amplo legado gráfico e escrito que non só está a servir para a constitución dun arquivo histórico senón para que esta achega, esquecida e pouco coñecida, sirva para enriquecer a historia aeronáutica española. A exposición permanecerá aberta ata o 30 de novembro de luns a sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas.