León Benavente presenta este xoves o álbum ‘2’ no 'Gustavo Freire' de Lugo no marco do ciclo Lubicán 2017

O grupo español de indie rock León Benavente, unha formación xurdida da unión de catro músicos veteranos como o son Abraham Boba, Eduardo Baos, Luis Rodríguez e César Verdú, pechará este xoves, a partir das 21.00 horas, no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo, a quenda de concertos programados no Lubicán 2017, un ciclo musical organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que conta con financiamento do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo, ademais de da USC.
Nun concerto de entrada libre e de balde para todo o público interesado, León Benavente, un grupo que toma o seu nome do treito de estrada que separa estas dúas poboacións castelás, presentará en Lugo o seu último traballo, ‘2’, que inclúe o EP ‘En la selva’.
Nesta nova entrega, León Benavente segue a ofrecer a súa música rock con melodías pegadizas, un estilo musical que tamén convida a viaxar no tempo ata a pasada década de 1980. Do mesmo xeito que noutros traballos, as letras do último disco desta banda de indie rock son acedas e, en moitos casos fan referencia á difícil situación pola que atravesa a sociedade española nos últimos anos.