Ir o contido principal

Lexislación, saúde mental e dereitos laborais centran o Encontro da Conferencia de Defensorías Universitarias

De esquerda a dereita, Julián Álvarez, Antonio López, Milagros Alario e Miguel Alcaraz. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Julián Álvarez, Antonio López, Milagros Alario e Miguel Alcaraz. Foto: Santi Alvite
Este foro estatal desenvólvese do 28 ao 30 de setembro na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC coa vontade de albergar un “profundo debate” sobre cuestións que atinxen ao conxunto das comunidades universitarias

Desenvolver un “profundo debate sobre temas que nos afectan a todas as defensorías” é a meta do XXIV Encontro da Conferencia Estatal de Defensorías Universitarias (CEDU), tal e como explica Miguel Alcaraz García, valedor da comunidade universitaria da USC. O foro, que se estende ata o vindeiro venres 30 de setembro, conta coa participación dun cento de persoas entre defensoras/es das universidades públicas e privadas, adxuntas/es e demais persoal das defensorías.

O acto inaugural, presidido polo reitor Antonio López, abriu o programa do encontro este mércores 28 no Salón de Actos da Facultade de Medicina e Odontoloxía. Na sesión participaron Milagros Alario Trigueros, presidenta da Conferencia; o decano do centro, Julián Álvarez; e o propio Miguel Alcaraz.  

As sesións abordarán diferentes aspectos como a análise do estado de aplicación da lei de convivencia universitaria, a saúde mental no eido universitario, a evolución da figura do Defensor Universitario e a súa  concreción na Lei do Sistema Universitario Español (LOSU), ou os dereitos laborais do persoal docente e investigador ao inicio da súa carreira profesional. O encontro contará coa presenza de Ángel Gabilondo, Defensor do Pobo, quen pronunciará o venres 30, ás 12.30 horas, a conferencia de clausura.

A figura do valedor

O valedor da comunidade universitaria é o órgano designado polo Claustro para a defensa e garantía dos dereitos dos membros da comunidade universitaria. Pode, ademais, instar e promover ante os órganos correspondentes actuacións e iniciativas para mellorar os dereitos e liberdades  da comunidade universitaria así como a calidade en calquera ámbito da Universidade. Trátase dunha institución independente dentro da Universidade, non está sometida a mandato imperativo ningún, nin recibe instrucións de ningunha autoridade ou órgano de goberno.

Este foro estatal desenvólvese do 28 ao 30 de setembro na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC. Foto: Santi Alvite
Este foro estatal desenvólvese do 28 ao 30 de setembro na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.09.2022.