O LHICA renova a acreditación da ENAC para a análise de residuos de beta-agonistas en ouriños, retina e fígado de vacún

O Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (Lhica) da facultade de Veterinaria da USC vén de renovar a acreditación por parte da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) para a realización de análises de beta-agonistas en orina, retina e fígado de vacún. Este equipo de investigación, dirixido polo profesor Alberto Cepeda, convértese así no único do campus de Lugo que conta con esta acreditación, que o sitúa en clara situación de vantaxe competitiva á hora de acadar novos contratos co sector privado ao tempo que supón un mérito engadido para conseguir tamén máis proxectos e encomendas desde o sector público.
A recente acreditación do LHICA expedida pola ENAC no só actúa como garantía dos traballos e das análises feitas por este laboratorio do campus lugués, senón que tamén valida a pertinencia dos procedementos internos desenvolvidos e testados polos investigadores que o integran. Así, o alcance da certificación da ENAC atinxe, na área de Física e Química, ás análises mediante métodos baseados en técnicas ELISA para detectar a presenza en ouriños de vacún sustancias farmacoloxicamente activas como Clenbuterol, Mapenterol, Clenproperol e Mabuterol. A certificación da ENAC tamén alcanza as análises feitas no LHICA mediante métodos baseados en técnicas de cromatografía de líquidos con detector de espectrometría de masas para determinar a existencia ou non, no fígado, retina e orina de vacún, de residuos de beta-agonistas como Cimaterol, Mabuterol, Clenbuterol, Clenpenterol, Salbutamol, Clenproperol ou Terbutalina. A metodoloxía e as técnicas empregadas para desenvolver este tipo de procesos analíticos é o resultado froito do traballo de investigación feito durante anos polos investigadores do LHICA, un equipo científico multidisciplinar xurdido a comezos da década dos anos 90, emprazado na Facultade de Veterinaria e actualmente integrado por un grupo estable de dez persoas, das que sete son investigadores tutores, e tres desenvolven tarefas propias da prestación de servizos de apoio técnico e tecnolóxico. A este elenco de compoñentes cómpre sumar os investigadores en formación que ano tras ano se incorporan á disciplina do grupo. Esta renovación da acreditación do LHICA por parte da ENAC para a realización de análises de residuos de beta-agonistas en ouriños, retina e fígado de vacún posibilitará tamén dar continuidade á relación de colaboración mutua que desde hai anos mantén a Universidade de Santiago coa Identificación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, convenios que reportan importantes ingresos económicos para as arcas da USC.
Alén deste cometido analítico e de certificación da salubridade de produtos de orixe animal, a actividade científica do Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos da Facultade de Veterinaria de Lugo abrangue catro grandes áreas ou liñas de investigación: bioloxía molecular, residuos contaminantes e microtoxinas, microbioloxía e nutrición humana, unha área á que o LHICA pretende dar especial importancia no futuro inmediato, segundo adiantou o responsable de Calidade deste laboratorio lugués.