Ir o contido principal

O libro dixital de Emilia Pardo Bazán Apuntes de un viaje acada preto de 1.200 descargas en tan só dez días

Portada do libro
Portada do libro
A obra, que é de acceso libre e gratuíto, é unha transcrición e reprodución dixital dun libro inédito escrito pola autora

O libro Emilia Pardo Bazán: Apuntes de un viaje. De España a Ginebra (1873) editado pola Universidade de Santiago de Compostela e a Real Academia Galega e de acceso libre e gratuíto acadou en dez días preto de 1.200 descargas a través do repositorio institucional da USC Minerva. O libro é unha reprodución facsímil con estudo, edición e notas do profesor José Manuel González Herrán, coas percepcións da autora durante unha viaxe por toda Europa coa súa familia. A obra acadou dende o pasado día 4 de abril, cando se colocou no repositorio da USC, un total de 1.218 visualizacións e 1.115 descargas. Delas, 712 foron realizadas dende España, 166 dende os Estados Unidos de América, e tamén hai consultas dende México, Francia, Italia, Alemaña, Arxentina, Canadá e Suíza. Entre as cidades con máis consultas destaca Madrid, con 89 visitas, A Coruña con 79 e en terceiro lugar Woodbridge en Virginia, con 42. Tamén se rexistraron consultas en Barcelona, Sevilla, Santiago de Compostela, Terrassa, ou San Francisco, entre outras cidades. O libro está editado cunha licenza Creative Commons. É a primeira coedición dixital nativa de acceso libre e gratuíto polo que calquera persoa interesada pode consultar ou descargar o libro a través do repositorio institucional da USC Minerva, unha ferramenta da institución docente para albergar, difundir e preservar os documentos dixitais resultantes das actividades de investigación e docencia da Universidade ao tempo que fomenta a comunicación científica polo seu acceso aberto. Primeiro libro da autora As anotacións de Emilia Pardo Bazán narran unha viaxe de cinco meses por España, Francia, Italia, Suíza e Austria en 1873. A pesar de que a autora nunca tivo a intención de editar o texto, tanto ela como os seus herdeiros conservaron o manuscrito que agora ve a luz converténdose no seu primeiro libro xa que Emilia Pardo Bazán só tiña 21 anos cando emprendeu esta viaxe e ata ese momento só publicara algúns relatos e versos. Os apuntamentos de Pardo Bazán teñen un considerable valor pola descrición da actividade comercial e social que a autora fai dos lugares que visita. Esta publicación forma parte da aposta decidida da USC pola edición dixital en aberto especialmente para a edición científica e técnica grazas as posibilidades de navegación e consulta dos documentos neste formato.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.04.2014.