Ir o contido principal

A Licenciatura en Economía ofrece un novo sistema de ensinanza e avaliación continua

A Licenciatura en Economía ofrece aos alumnos de primeiro e segundo curso a posibilidade de acceder a un programa de ensinanza e avaliación continua seguindo os obxectivos do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). A iniciativa implantarase de xeito oficial no vindeiro ano académico 2008-2009.
A metodoloxía na que se basea potencia o traballo regular dende o primeiro día e a participación nas clases logo do estudo previo, así como unha maior comunicación entre profesorado e estudantado. En xeral, supón un avance cara o modelo de avaliación continua que os acordos de Bolonia propoñen para os estudos de grao.
Os resultados da experiencia ata hoxe son moi satisfactorios, como puxeron de manifesto os informes sobre o programa experimental que se ofrecía ata agora na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Os datos mostraron que os alumnos acadaron unha porcentaxe moi baixa de abandono, sacaron boas notas e o grao de estudo e participación foi elevado. Ademais, manifestáronse satisfeitos coa formación recibida, co traballo realizado e cos resultados obtidos.
Por outra banda, moitos dos profesores da Facultade xa empregaban individualmente métodos nas liñas que sinala o EEES como a avaliación continua nas súas aulas, utilización de guías, uso da plataforma virtual da USC, recollida periódica de traballos ou exposicións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.07.2008.