Ir o contido principal

A Licenciatura en Matemáticas cumpre 50 anos na USC

A celebración comezará cun acto académico institucional que terá lugar no Colexio de Fonseca o 24 de maio

A Facultade de Matemáticas da USC celebra este ano o 50 aniversario dos seus estudos cun programa de actividades que abrirá cun acto académico institucional o sábado 24 de maio. O evento terá lugar no Colexio de Fonseca e contará coa presenza, entre outros, da conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, e o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro Ameneiro. O prazo para inscribirse remata o 15 de maio.
Como parte do programa, a Facultade de Matemáticas achega a través da páxina web unha orla virtual na que todo matemático da USC pode incluír dentro da súa promoción unha fotografía recente e antiga. Ademais, conta coa posibilidade de enviar saúdos, comentarios ou testemuñas no libro de visitas en liña e consultar cada mes a axenda de actividades.
Mostra retrospectivaDentro dos actos previstos, o centro acollerá do 20 de maio ao 24 de xullo unha exposición que ten como tema central a lembranza histórica da creación da Licenciatura e os feitos máis importantes destes 50 anos. Coa iniciativa recoñécese o traballo daqueles que contribuíron a colocar a Facultade no destacado lugar que ocupa hoxe.
A pesar do illamento intelectual ao que estiveron sometidas as mulleres no pasado, compróbase que en todas as épocas xurdiron matemáticas dispostas a desafiar as normas e dedicarse á ciencia. Por iso, a Facultade contará cun ciclo de conferencias titulado ‘A muller: elemento innovador na Ciencia’.
‘Matetodo Todomate’ consistirá nun conxunto de obradoiros, charlas, proxección de películas e representacións teatrais dirixidas ao público en xeral e, con actos máis específicos, ao profesorado de secundaria. Pola súa banda, ‘Unha andaina polas Matemáticas’ é unha iniciativa de carácter formativo e divulgativo que explica a evolución histórica dalgúns conceptos matemáticos, así como as aplicacións dalgunhas teorías básicas en diversas áreas do coñecemento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.04.2008.