Ir o contido principal

A Licenciatura en Matemáticas da USC conmemora este curso o seu 50 aniversario

Programas lúdicos de divulgación matemática, conferencias de especialistas ou exposicións conforman o programa que presentou o reitor este mércores

A Licenciatura de Matemáticas da USC conmemora este curso o 50 aniversario da súa creación logo de que en 1957-1958 a Sección de Matemáticas da Facultade de Ciencias da USC comezase a impartir docencia. O reitor da USC, Senén Barro, acompañado do decano da Facultade de Matemáticas, Juan Viaño, e do vicerreitor de Cultura, Elias J. Torres, presentaron este mércores 14 o programa de actividades previstas para esta conmemoración.
Na mesma sesión tamén se deu a coñecer o logotipo identificativo desta efeméride, unha imaxe que opinión de Juan Viaño “é integradora de todos os que teñen contribuído a que esta titulación teñan alcanzado o seu actual grao de desenvolvemento”.
O programa conmemorativo inclúe un amplo abano de actividades entre as que se atopan diversas sesións académicas e institucionais, exposicións, programas lúdicos de divulgación matemática, así como conferencias, concursos de diversa natureza e un concerto conmemorativo.
Actos académicos e institucionaisA conmemoración terá en febreiro de 2008 un acto institucional central no que participarán autoridades académicas, antigos decanos, profesores e alumnos das primeiras promocións así como protagonistas destes 50 anos. Ademais, está prevista unha homenaxe a matemáticos galegos que pasarán a dar nome a aulas da Facultade compostelá. Xa en xullo do vindeiro ano terá lugar en Santiago o VIII Coloquio Internacional sobre Xeometría Diferencial.
ExposiciónsCoincidindo coa inauguración destes actos conmemorativos, no mes de febreiro organizarase unha exposición retrospectiva sobre as matemáticas na USC xunto con outra bibliográfica dos fondos matemáticos da institución compostelá que incluirá unha parte dedicada aos documentos anteriores a 1.957. A traxectoria do matemático galego Juan Durán Loriga ou a historia dos congresos internacionais de matemáticos centrarán outras mostras durante este ano de conmemoración.
Divulgación matemáticaDirixido ao público en xeral, a Facultade organizará unha serie de actividades de carácter lúdico que pretenden ofrecer a cara máis próxima á vida cotiá desta disciplina científica. Así o programa Matetodo Todomate inclúe obradoiros de malabares matemáticos, de papiroflexia e de maxia, conferencias impartidas por expertos de toda España, proxeccións de películas e espectáculos teatrais, entre outras.
Ademais organizarase o ciclo de conferencias Imaxinamática, que inclúe actividades coas que se pretende dotar a docentes e futuros profesores de secundaria de novos recursos cos que promover dende a aula a apreciación social por esta disciplina.
Entre outros actos previstos, contémplase a realización dunha páxina web na que antigos alumnos se poderán inscribir para constituír unha base de datos, a creación da Asociación de Antigos Alumnos da Facultade, e concursos de fotografía deportivos e de xadrez.
As matemáticas en GaliciaA de Santiago é a única Licenciatura de Matemáticas de toda Galicia, atopándose no oitavo lugar polo número de alumnos de novo ingreso de entre as vinte e cinco universidades españolas que imparten estes estudos. Na actualidade conta con preto de 400 alumnos e 100 profesores dos que unha pequena porcentaxe imparte docencia tamén noutros centros. A Facultade conta ademais dende 1996 co apoio do Instituto de Matemáticas, centro de investigación, docencia, especialización, aplicación e divulgación desta ciencia co que comparte sede e membros.
Os rápidos avances no campo da informática e da computación fan aparecer ferramentas, programas e paquetes de complexidade crecente que requiren a formación de expertos matemáticos para traballos de simulación numérica, análise de datos ou optimización. Os grupos galegos están a ter un protagonismo significativo nas actividades encamiñadas á transferencia de coñecemento matemático ao sector produtivo, de aí que na actualidade, as enquisas de inserción laboral constaten que un 52 por cento dos licenciados en Matemáticas está a traballar nun ámbito empresarial distinto da docencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.11.2007.