Ir o contido principal

Liliana Pacheco e Roberto Martínez falarán este mércores en Veterinaria d a conservación do chimpancé en África do Oeste

Cartaz anunciador do relatorio
Cartaz anunciador do relatorio
O relatorio desenvolverase a partir das 17.00 horas e servirá de marco de presentación das oportunidades de formación e voluntariado do Instituto Jane Goodall España

A primatóloga e responsable do programa de conservación do chimpancé promovido polo Instituto Jane Goodall España en África do Oeste, Liliana Pacheco e o responsable do departamento de sostibilidade agroforestal desta entidade, o enxeñeiro forestal viveirense Roberto Martínez, ofrecerán este mércores, a partir das 17.00 horas, no aulario número 1 da Facultade de Veterinaria de Lugo, o relatorio ‘A realidade da conservación do chimpancé en África do Oeste’, unha intervención no marco da que tamén presentarán as oportunidades de formación e voluntariado que presenta o citado instituto para universitarios e investigadores.

Chegados de Senegal, Pacheco e Martínez, relatarán en Lugo o traballo de conservación esta especie de chimpancé en risco de extinción que está a desenvolver desde hai anos o Instituto Jane Goodall España nesta demarcación do Oeste de África. O relatorio, aberto a todo o público interesado, servirá tamén para coñecer a realidade do estado de conservación dos ecosistemas nesta rexión africana, na que aínda permanece unha das especies de chimpancé (Pan troglodytes verus) que se está a deteriorar rapidamente. Os estudos desenvolvidos desde hai cinco anos polo Instituto Jane Goodall demostras que as fráxiles sabanas arbóreas do límite norte da área de distribución desta especie non soportan a crecente degradación que está a provocar o latifundismo agrícola, a tala e as explotacións mineiras. Esta fragmentación do territorio reduce as expectativas de supervivencia das comunidades de chimpancés, ademais de causar graves problemas como a degradación dos acuíferos superficiais e internos e das vertentes cortadas e cultivadas. O Instituto Jane Goodall España comezou no ano 2009 o seu programa de investigación, conservación, educación e desenvolvemento en África do Oeste, un cometido que continúa hoxe en día. A Estación Biolóxica Fouta Jalon, en Dindefelo, ao sureste de Senegal, é a base de traballo do Instituto, que estende as súas actividades a Guinea e a outros países da rexión africana. Na actualidade son 15 os voluntarios e máis de sete asistentes locais os que integran o equipo de traballo. Liliana Pacheco, psicóloga e primatóloga, chegou a Dindefelo (Senegal) en 2010 para facerse cargo da dirección do programa de Conservación do Chimpancé de África do Oeste do Instituto Jane Goodall España en Senegal y Guinea. Mentres, o enxeñeiro Roberto Martínez traballa no terreo desde marzo deste ano como responsable do departamento de Sostibilidade Agroforestal. Xunto con Martínez tamén hai outra galega, a investigadora coruñesa Carla Díaz, quen colabora como voluntaria desde o pasado verán no seguimento e estudo dos chimpancés.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.12.2013.