Lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa, un novo volume de investigadores do ILG
Os investigadores do ILG Xulio Sousa, Marta Negro Romero e Rosario Álvarez son os responsables da edición da obra Lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa, que en dez traballos aborda desde unha perspectiva xeográfica, histórica, antropolóxica e lingüística as razóns e as consecuencias da división en dous do espazo constitutivo do protorromance galego, e que deu lugar ás linguas galega e portuguesa. A obra presentárona este xoves o director do Instituto da Lingua Galega da USC (ILG), Ernesto González, o profesor Xulio Sousa e o presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares As vicisitudes históricas, tan diferentes, da comunidade galega e da comunidade portuguesa foron consolidando a raia como unha fronteira social, cultural e lingüística que cómpre estudar con perspectivas renovadas. A monografía parte da convicción de que non hai que contemplar as fronteiras como liñas divisorias, senón como rexións de convivencia e intercambio, de osmose e hibridación, nas que se crea un tipo de cultura peculiar con trazos característicos comúns a diferentes áreas fronteirizas. A variación sintáctica, o léxico dialectal, a entoación e as percepcións e as actitudes lingüísticas na fronteira galego-portuguesa son algúns dos temas tratados no volume, no que se analizan tamén os camiños diverxentes de Galicia e Portugal a partir da Idade Media ou a permeabilidade bidireccional da raia, que a un tempo une e separa ambos os territorios.
Mediante esta monografía, incluída na colección «Ensaio&Investigación» do CCG, preténdese propiciar a reflexión sobre o estado da cuestión, impulsar avances na súa investigación, crear un espazo de encontro para as olladas pluridisciplinares e crear novo coñecemento con renovación en métodos e resultados. O volume está dedicado a William Kavanagh (1947-2014), estudoso do significado e relevancia das fronteiras que finou pouco antes da publicación desta obra.