Ir o contido principal

A linguaxe xurídica a través da experiencia práctica, a debate nun foro estival na Escola de Relacións Laborais de Lugo en xullo

Logo da Universidade de Verán 2017 da USC
Logo da Universidade de Verán 2017 da USC
A linguaxe xurídica a través da experiencia práctica, a debate nun foro estival na Escola de Relacións Laborais de Lugo en xullo

‘A linguaxe xurídica a través da experiencia práctica’ é o título do curso incluído na programación da Universidade de Verán da USC que se desenvolverá do 17 ao 21 de xullo na Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo. Estruturado en 25 horas lectivas e aberto á participación de todas as persoas interesadas pola temática, este programa estival de formación e divulgación científica, está dirixido pola profesora Mercedes Montes Rodríguez.

Os obxectivos deste programa incluído na Universidade de Verán 2017 da USC e que conta con financiamento da Deputación Provincial de Lugo, pasan por transmitirlle ao alumnado participante unha base conceptual xurídica que lle permita desenvolver actividades e accións formalizadas e axustadas á lexislación vixente, así como achegar un coñecemento dos termos e pautas de actuación legais nas diferentes titulacións do campus de Lugo.

A avogada Marta Peraleda Viñas será a encargada de guiar as distintas sesións programadas nas tres primeiras xornadas deste foro estival, durante as que se tratarán cuestións relacionadas coa linguaxe xurídica formal, análise e redacción de textos xurídicos, modernización da linguaxe xurídica administrativa e exposición en público. A actuación pericial e o manexo de bases de datos de xurisprudencia e lexislación serán outros dos aspectos nos que fará fincapé este curso.

A visita ao Colexio de Avogados de Lugo e a asistencia a un xuízo nos Xulgados de Lugo son outras das accións formativas incluídas no programa deste curso da Universidade de Verán da USC, no marco do que tamén intervirán como relatores a psicóloga xurídica forense Teresa Hermo, José María Miranda ou, entre outros, Diego Vilanova.

As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste curso de verán da USC, poden facelo a través da web da Universidade de Verán da USC 2017, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste programa, para o que está aberta a matrícula ata o vindeiro 7 de xullo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.05.2021.