Ir o contido principal

Localizadas en España un total de 284 fosas con cadáveres da guerra civil e a ditadura franquista

O médico forense Fernando Serrulla informou deste dato na 'Xuntanza de Proxectos de Investigación sobre o estudo da represión franquista'

A ‘Xuntanza de Proxectos de Investigación sobre o estudo da represión franquista’, que se está a celebrar na Facultade de Xeografía e Historia dende o pasado luns, continuou este martes 17 apuntando que en España xa foron localizadas un total de 284 fosas con cadáveres da guerra civil e a ditadura franquista. Ademais deste dato, o médico forense Fernando Serrulla informou que un nutrido grupo de familiares reclama saber o paradoiro de 2.267 desaparecidos nesta época e que, en Galicia, xa foron investigadas fosas de O Vicedo, Soutadouro, Villarrube e Valdoviño.
Na sesión matinal desta xornada do encontro, titulada ‘Xeografía física da represión’, tamén participaron a traballadora da Dirección Xeral da Memoria Democrática da Generalitat de Cataluña, Genma Simón; Santiago Macias, da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH); o membro do Foro por la Memoria, José María Pedreño; e o coordinador desta xuntanza, Emilio Grandío Seoane.
No transcurso da reunión, José María Pedreño subliñou a necesidade de investigar a represión franquista mediante a creación de equipos interdisciplinarios formados por antropólogos, arqueólogos, historiadores, documentalistas ou avogados que estuden un pasado que existiu. Así mesmo, este membro do Foro por la Memoria apuntou que a súa asociación tamén realiza outras actividades como charlas polos concellos nas que lembran que “a República non foi a causa da Guerra Civil” e, polo tanto, “as súas vítimas tamén merecen xustiza”. Por iso, José María Pedreño reclamou unha maior implicación estatal neste tipo de investigacións.
Na mesma liña, Santiago Macías comentou os traballos que está realizando a súa organización na exhumación de cadáveres destacando as actuais investigacións na fosa central de Fonsagrada onde se atopou o primeiro comandante asasinado sen xuízo polo réxime franquista, José Moreno Torres, e quince compañeiros máis. Para poder facer este tipo de investigacións con éxito, Santiago Macías manifestou a importancia do papel dos familiares que se poñen directamente en contacto coa ARMH, axilizando as investigacións.
Pola súa banda, Genma Simón destacou os traballos que está a levar a Generalitat de Cataluña na busca de desaparecidos durante a guerra civil e o franquismo a través da apertura dunha fosa como proba piloto, coa creación dunha lei que mellore os estudos das fosas e coa elaboración dun censo no que máis de 1800 familias cataláns xa solicitaron información sobre algún dos seus membros.
Outras charlasA ‘Xuntanza de Proxectos de Investigación sobre o estudo da represión franquista’ continúa na tarde do martes a partir das 16:30 horas con varias charlas sobre a divulgación e accesibilidade social sobre o fenómeno represivo que ofrecen o coordinador do Barco da Memoria de Pontevedra, Dionisio Pereira; a responsable do Plan Rosebud, María Ruido; a membro de Edicións do Castro, Charo Portela; e o participante do proxecto Todos los Nombres, Cecilio Gordillo.
Xa o mércores 18, a Facultade de Xeografía e Historia acollerá a última xornada desta xuntanza centrada no tratamento das fontes orais e na que participarán varios especialistas de Barcelona, Sevilla, Oviedo e Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.07.2007.