Ir o contido principal

Lourenzo Fernández Prieto e José Luis Mascareñas, novos académicos de número

José Luis Mascareñas (esquerda) e Lourenzo Fernández Prieto (dereita) son os novos académicos de número
José Luis Mascareñas (esquerda) e Lourenzo Fernández Prieto (dereita) son os novos académicos de número
O investigador principal de Histagra ocupará a vacante producida polo pasamento da poeta Luz Pozo Garza na RAG e o director científico do CiQUS pasa a ser numerario da Real Academia de Farmacia de Galicia
Santiago de Compostela

Os catedráticos da USC Lourenzo Fernández Prieto e José Luis Mascareñas acaban de ser nomeados académicos de número da Real Academia Galega (RAG) e da Real Academia de Farmacia de Galicia, respectivamente. Fernández Prieto é investigador principal do Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra), mentres que Mascareñas é o director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS).    

Lourenzo Fernández Prieto é un recoñecido historiador nas dúas grandes liñas de investigación que desenvolve: a historia agraria contemporánea e o estudo da guerra civil e do franquismo. Na primeira destaca pola perspectiva innovadora que aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, ocupándose das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e a sociedade rural cun enfoque ambientalista.

Ao longo da súa carreira, ten sido investigador principal de máis de vinte proxectos de investigación competitivos e outros tantos convenios relacionados cos seus campos de investigación. A relación con grupos e centros de investigación de institucións españolas, europeas e americanas é outra constante do labor de Lourenzo Fernández Prieto, membro de redes internacionais e profesor convidado das universidades de Princeton, Cidade de Nova York ou Cork. O catedrático da USC ocupará a vacante producida polo pasamento da poeta Luz Pozo Garza en abril de 2020.

Pola súa parte, as liñas de investigación actuais do profesor Mascareñas divídense entre un programa de síntese, centrado no desenvolvemento de novos procesos catalizados por metais, e un programa en bioorgánica orientado ao desenvolvemento de ferramentas sintéticas capaces de actuar a nivel biolóxico.

O director científico do CiQUS pasou a súa etapa posdoutoral na Universidade de Stanford, baixo a supervisión do profesor Paul Wender. Asemade, ten sido científico visitante nas Universidades de Harvard, Cambridge, así como no MIT. En 2009, recibiu o premio de Química Orgánica da Real Sociedade Española de Química e, posteriormente, foi distinguido coa Medalla de Ouro da Real Sociedade Española de Química (RSEQ). En 2013, o Consello Europeo de Investigación concedeulle unha axuda ERC Advanced Grant para o seu proxecto METBIOCAT.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.03.2021.