O Lubicán chega este xoves aos seu fin en Veterinaria cun concerto de Bristol e Tierra de cinco minutos
O ciclo de música Lubicán 2013, promovido pola Universidade de Santiago de Compostela ao abeiro do convenio Lugo Cultural, do que tamén forman parte a Deputación e o Concello de Lugo, chegará este xoves ao seu fin no auditorio da Facultade de Veterinaria cun dobre concerto das formacións luguesas Bristol e Tierra de cinco minutos.
O concerto de clausura do Lubicán 2013, un ciclo a través do que se pretende achegar ao público lugués a música feita por distintos grupos galegos de diferentes estilos, ademais de apoiar e promover novas formacións luguesas, como é o caso de Bristol e Tierra de cinco minutos, supón o epílogo da sexta edición deste programa musical, no marco do que, desde mediados do mes de febreiro, xa presentaron as súas respectivas propostas artísticas na capital luguesa Rodrigo Romaní, ‘Os Minhotos’, Fran Pérez e Marcos Teira, e María Xosé Silvar ‘Sés’. O grupo Bristol, un quintento con influencias do britpop e do rock alternativo integrado por Adrián Rey (voz), Ginés Vázquez e Iván Engroba (guitarras), Javier Vuelta (baixo) e Pedro Marciel (batería), presentará este xoves a súa música en Lugo logo de terse clasificado entre os dezaséis finalistas do festival ‘Airiños de Rock and Roll 2012’, convocado pola Xunta de Galicia. Esta formación tamén foi seleccionada para tocar no Festival Sereas e Piratas, de Carballo, e está incluída no disco ‘Xoves con Arte’, do Concello de Lugo. Tierra de cinco de minutos, un grupo formado tamén en Lugo no ano 2009 por Nacho Cuesta (voz e guitarra), Javier González (baixo eléctrico), Pablo Saavedra (batería) e Luís ‘Bedu’ Pérez (guitarra), presentará este xoves no auditorio e Veterinaria o seu primeiro traballo ‘Penórtico’, no que se recollen oito temas nos que o rock é o principal ingrediente. O último concerto da sexta edición do ciclo Lubicán, que estará protagonizado por Bristol e Tierra de cinco minutos, comezará ás 20.30 horas. A entrada é libre e gratuíta para todo o público interesado.