Ir o contido principal

Lugo amosa a súa oferta universitaria a estudantes de ensino secundario

Participantes no I Campus de Verán Científico Técnico Lugo, na Escola Politécnica Superior
Participantes no I Campus de Verán Científico Técnico Lugo, na Escola Politécnica Superior
Preto de 70 alumnos de ESO e BAC de centros educativos de Lugo, A Coruña e Pontevedra participan ata o venres no I Campus de Verán Científico Técnico Lugo

Preto de 70 estudantes de ESO e Bacharelato participarán ata o vindeiro venres 28 de xuño na primeira edición do Campus de Verán Científico Técnico Lugo, un campamento estival organizado pola Universidade de Santiago en colaboración con distintas entidades públicas e empresas privadas e a través do que se busca dar a coñecer a oferta académica e de servizos do campus universitario de Lugo para así atraer novos estudantes de cara ao futuro inmediato.

O coordinador do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a Universidade’, o profesor da USC Luís Hervella, abriu este martes na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo estas xornadas, que reúnen preto de 70 mozos e mozas e aos que animou a aproveitar ao máximo esta primeira experiencia universitaria para así comprobar que “a Universidade é moito máis divertida que os colexios e os institutos, porque permite facer moitas máis actividades” As profesoras da USC Mercedes Novo, Marta López e Montserrat Valcárcel, que actuaron como coordinadoras desta iniciativa nas facultades de Ciencias e Veterinaria, así como na Escola Politécnica, tamén participaron neste acto de benvida, no que a concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral do Concello de Lugo, Esther Muñoz, animou aos presentes a aproveitar este campus de científico técnico, porque “estades nunha Universidade e nun campus que son do mellorciño que hai”, dixo. A presentación da oferta dos títulos de grao que se imparten nas facultades de Ciencias, Veterinaria e na Escola Politécnica Superior de Lugo centrou o primeiro dos relatorios programados no marco deste campus de verán, un programa no que están implicados uns 65 profesores da Universidade de Santiago de Compostela, así como outros estudantes universitarios que tamén prestan a súa colaboración para o éxito desta iniciativa. Unha vez rematada a xornada de presentación, os estudantes inscritos neste campus de verán, con idades entre os 15 e os 17 anos, visitaron os servizos xerais do campus e a súas instalacións para logo, xa en quenda de tarde, familiarizarse co espazo no que van convivir durante catro días a través dunha xincana, organizada polo Centro de Linguas Modernas da USC. Logo desta primeira toma de contacto coa realidade universitaria, os/as participantes neste campus, xa distribuídos en grupos segundo a temática escollida previamente para participar e desenvolver distintos proxectos e/ou experimentos científicos, terán estes días a ocasión de converterse en científicos nos distintos obradoiros que se desenvolvan ao abeiro deste campamento, que rematará na tarde do venres 28 cun acto colectivo que contará con animación musical e pinchos e no que se procederá á entrega dos diplomas. Procedencia dos participantes Máis da metade dos mozos/as inscritos/as neste I Campus de Verán Científico Técnico Lugo proceden da capital luguesa, onde teñen fixada a súa residencia 35 participantes, mentras que outros 23 proceden de distintos concellos da provincia de Lugo, como o son Outeiro de Rei, Portomarín, Castro de Rei, Guitiriz, Monforte de Lemos, Sober, Sarria, Cervantes, Baralla, Mondoñedo, Lourenzá, Vilalba e Burela. Entre os/as inscritos/as tamén se atopan 3 estudantes de Sada (A Coruña), 4 de Valga (Pontevedra) e 4 de Tui (Pontevedra). O I Campus de Verán Científico Técnico Lugo oferta aos participantes dezaseis proxectos científicos e técnicos abertos á participación do alumnado. Deste abano de posibilidades, 26 participantes escolleron propostas ligadas á Facultade de Veterinaria, 17 da Escola Politécnica Superior e 26 da Facultade de Ciencias. De esquerda a dereita, Marta López, Montserrat Valcárcel, Esther Muñoz, Luís Hervella e Mercedes Novo, na inauguración do campus

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.06.2013.