Ir o contido principal

Lugo consolídase como centro de investigación en Antigüidade

“Lugo, cando era Lucus Augusti, foi unha cabeza de ponte para a integración de Gallaecia”. Así o manifesta o profesor da Universidade do País Vasco Juan Santos, no transcurso da mesa redonda que este mércores ten lugar no Museo Provincial da cidade coa participación de investigadores de diversas universidades españolas, entre elas a de Santiago. O encontro trata de procurar novas ideas e proxectos que consoliden a cidade de Lugo como un centro destacado na investigación da antigüidade.
O profesor Juan Santos apunta tamén que a Facultade de Humanidades de Lugo “pode e debe dotarse dos recursos, materiais e profesionais necesarios para liderar un proxecto internacional ambicioso que permita estudar a integración política dos pobos nas orixes da Europa do Sur”. “Hoxe reúnense, na Universidade e na cidade, -asegura- as circunstancias apropiadas para liderar este proxecto; convén, non obstante, sen embargo, ter en conta que non se pode facer só desde o voluntarismo, senón que é necesario o compromiso das institucións”.
Na mesa redonda, titulada ‘O pasado romano de Lugo como factor dinamizador do Lugo actual’ participan os profesores de Historia Antiga da Universidade de Santiago; Gerardo Pereira Menaut e Manuel Villanueva; Manuel Rabanal, da Universidade de León; a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro; e o director do Museo do Castro de Viladonga, Felipe Arias.
Manuel Rabanal, asegura que tanto Lugo como Astorga e León forman un triangulo único na Vía Láctea, “as tres cidades foron fundadas polos romanos, sobre un pasado indíxena, procurando un proceso de integración supra-rexional”. Pero para este experto, “cando se buscan raíces históricas moito máis fondas para o Camiño de Santiago, incluso no Paleolítico, chegou a hora de valorar outros momentos e outras realidades".
Pola súa parte, o profesor Gerardo Pereira-Menaut lembra que Gallaecia fora xa faro e guía “na formulación moderna do concepto de Romanización e no establecemento do novo concepto de Etnoxénese, da formación dos pobos ao longo da Historia”. Agora, conclúe, “proponse outra tarefa non menor, que é investigar a integración política de pobos que serán os crisois de onde naceu Europa, coas súas luces e sombras, que xa se perciben nas súas orixes históricas".
Implicación da USCNos últimos anos a imaxe de Lugo cambiou de maneira significativa, tanto dentro como fóra da cidade. Un factor decisivo deste cambio foi a confirmación do legado romano da cidade, grazas ás escavacións realizadas no seu casco antigo ao amparo da Lei de Patrimonio que as diversas autoridades (Concello, Deputación e Xunta) puxeron en valor a través dunha rede de Museos, algúns deles de nova creación (Casa do Mosaico, Museo de San Roque, Museo Provincial, Porta Miñá).
A USC participou activamente neste cambio, especialmente na Área de Historia Antiga da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo. Antonio Rodríguez Colmenero, catedrático de Historia Antiga, dirixiu as escavacións ao tempo que divulgou a importancia do Lugo romano con numerosos cursos e congresos internacionais. Actualmente a Área de Historia Antiga, segue ese camiño coa realización de cursos especializados nos dous últimos anos (‘Do Castro á Cidade’, en xullo de 2008; e ‘A Prehistoria lucense á luz dos últimos descubrimentos’, en abril de 2009).
Todo isto, coas súas correspondentes investigacións, callou profundamente na sociedade, que hai uns anos, indica Dolores Dopico, “ foi capaz de unirse cun obxectivo común: lograr que a Muralla fose considerada Patrimonio da Humanidade. A identidade da cidade actual non pode xa desvincularse do seu legado romano, que agora se mostra tamén como motor do seu desenvolvemento socio-económico”.
RelatoresGerardo Pereira-Menaut, catedrático de Historia Antiga na USC, é especialista en institucións romanas, con atención especial ás institucións municipais. No relativo a Galicia, renovou os estudos sobre a organización política dos pobos galaicos nunha serie de investigacións que demostraron a existencia do castellum como organización básica dos antigos pobos galaicos.
Manuel Abilio Rabanal Alonso, catedrático de Historia Antiga da Universidade de León, é especialista en diversos campos da antigüidade, como historia grega, historia de Roma, historia antiga de España, realizando estudos importantes sobre León e a Legio VII, sobre os pobos prerromanos da Meseta e sobre o papel de Astorga e León na organización da administración romana do Noroeste.
Juan Santos Yanguas, catedrático de Historia Antiga da Universidade do País Vasco, éspecialista en Historia da España Antiga e renovador dos estudos sobre as organizacións sociais e políticas dos pobos prerromanos do norte. Especialista tamén na organización administrativa do Imperio e as estruturas provinciais no Occidente romano.
Felipe Arias Vilas, director do Museo do Castro de Viladonga, é un dos máis relevantes estudosos da arqueoloxía protohistórica e romana de Galicia. É tamén coñecedor da problemática arqueolóxica do Lugo romano.
Manuel Villanueva Acuña, profesor de Historia Antiga da USC, ten achegas sobre a romanización de Galicia e a agricultura romana a través da literatura agronómica, e participou na organización de diversas actividades de formación e divulgación en Lugo.
María Dolores Dopico, profesora de Historia Antiga da Facultade de Humanidades de Lugo, ten unha traxectoria investigadora notable no campo da Historia Antiga de Gallaecia, contribuíndo decisivamente a elucidar o papel do Convento xurídico na administración romana provincial no Noroeste e como forma de integración dos pobos galaicos na romanidade, ademais de analizar institucións sociais indíxenas como a clientela e a devotio.
Aurelia Balseiro García, directora do Museo Provincial, ten unha formación e unha traxectoria como estudosa de aspectos da cultura material dos pobos antigos de Gallaecia, como a ourivesaría, e dirixe unha actividade formativa e divulgativa intensa á fronte do museo provincial coa fin de achegar o patrimonio histórico e cultural da cidade á sociedade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.10.2009.