Ir o contido principal

Lugo Cultural achega a súa oferta a estudantes preuniversitarios con intervencións específicas para alumnado de ensino medio

García, Varela e Basadre, con Lugilde ao fondo, na presentación da programación de Lugo Cultural 2019
García, Varela e Basadre, con Lugilde ao fondo, na presentación da programación de Lugo Cultural 2019
Varela Zapata salienta a calidade da programación cultural promovida pola USC xunto con Concello e Deputación de Lugo, unha oferta da que en 2018 gozaron 6.500 persoas

A programación de actividades organizadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello e Deputación Provincial de Lugo, achegarase este ano ao estudantado preuniversitario a través de ‘ Eslabón’. Este ciclo pretende potenciar o intercambio entre a Universidade e os centros de ensino medio, ademais de achegar a súa oferta cultural a estudantes de secundaria e Bacharelato a través de encontros con artistas de diversas disciplinas que se desenvolverán na Casa do Saber de Lugo ao longo do primeiro semestre de 2019.

‘Eslabón’ é pois unha das novidades que deparará en 2019 o Lugo Cultural, unha programación ampla e heteroxénea da que en 2018 gozaron máis de 6.500 persoas (un 15% máis que o exercicio anterior) e na que, un ano máis, se manteñen ciclos xa consolidados no panorama cultural lugués como o son ‘Músicas a carón da Mosqueira’, Lubicán e Lubicán íntimo, Noites na Domus, Na Calzada ou Xoves de Moda. O Encontro de Danza, Festival de Teatro Universitario, o Curso de Primavera da USC son algúns dos máis de 60 fitos xa programados no calendario da nova programación deseñada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, “un menú atractivo e de calidade co que a USC convida a que ningún estudante se quede na súa casa”, sinalou Jesús Varela Zapata, adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos.

Os concertos, festivais, cursos, encontros, seminarios e obradoiros creativos promovidos ao abeiro do Lugo Cultural, un acordo de colaboración institucional que se mantén desde hai dúas décadas, constitúen unha programación cultural ampla e de calidade. Esta oferta atende a disciplinas como a música, teatro, danza, fotografía ou letras, pero tamén presta especial atención ás novas formas de creación, unha vocación innovadora que se fai visible no plano sonoro a través do programa arredor da música experimental Sons Creativos, e no espectro audiovisual co certame ‘ FindeCurta’, segundo se puxo de manifesto este martes na presentación da programación para 2019. No acto, acompañaron a Varela Zapata a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e a deputada provincial delegada da área de Cultura, Pilar García Porto.

Música e creación musical

A programación musical do Lugo Cultural concéntrase en gran medida dos ciclos ‘Músicas a Carón da Mosqueira’, que botará a andar este luns 11 de febreiro na Casa do Saber cun concerto da soprano Mercedes Gancedo, acompañada ao piano de Beatriz Miralles, e ‘Lubicán’, unha fiestra musical aberta aos novos creadores galegos e en galego, que ten fixada a súa primeira parada o 28 de febreiro, no Círculo das Artes de Lugo, cun concerto en homenaxe a Narf, no que intervirán Uxía Senlle, Marcos Teira, Sergio Tamus, Brais Morán, Sergio Zearreta ou, entre outros Xavier Bello.

O ciclo de cámara ‘Músicas a Carón da Mosqueira’ está estruturado en ano cinco concertos, nos que, ademais do xa avanzado, participarán, o quintento de vento O’Globo, Javier García Verdugo (guitarra clásica), a formación Capela Compostelana & solistas, dirixida por Miro Moreira, o dúo de piano a catro mans Antón e Maite Piano Dúo. Este programa de música de cámara, que ten como escenario fixo o auditorio da Casa do Saber, complétase co ciclo ‘Na Calzada’, no que terán protagonismo novos intérpretes lucenses, tales como Andrea Vilar e Maite Arziniega, Nacho Samena, Iria Fernández Silva ou o grupo didáctico de pito pastoril que dirixe Efraím Díaz. Alén destas actuacións, o programa de visitas guiadas ao Museo Universitario A Domus do Mitreo ‘Noites na Domus’ , tamén contempla actuacións en directo do zanfoñista Germán Díaz, así como do grupo vocal ‘Solo Voces’.

O Lubicán ten catro citas no calendario de 2018. Así, logo da homenaxe a Narf, Susana Seivane, MJ Pérez, acompañada da súa banda, e Som do Galpom, completan este ano o cartel dun ciclo, ao que tamén se suman ‘A Patacón’, High Pow e Gonzalo Guerreiro, no ‘Lubicán íntimo’. A estes programas tamén cómpre engadir ‘Xoves de Moda’, sesións máis íntimas nas que participarán como relatores Cinta Adheisva, Berlai ou Iria Pinheiro.

Outras disciplinas

O Encontro de Danza Universitaria, que terá lugar no Vello Cárcere os días 21 e 22 de marzo; o Festival de Teatro Universitario, que se celebrará do 26 de marzo ao 1 de abril no auditorio Gustavo Freire; unha nova edición do Curso de Primavera, que este ano leva por título ‘Andar, camiñar, marchar...’, o maratón cinematográfico ‘FindeCurta’ e o obradoiro de música experimental ‘ Son Creativos’, son outros dos eventos integrados no Lugo Cultural de 2019, unha programación que tamén reserva espazos para experimentación e novas creacións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.02.2019.