Ir o contido principal

Lugo Cultural celebrará un concerto do ciclo Lubicán todos os cuartos xoves de mes

O ciclo Lubicán presentouse en roda de prensa na Vicerreitoría de Lugo
O ciclo Lubicán presentouse en roda de prensa na Vicerreitoría de Lugo
Comezarán o día 24 coa actuación de Brigada Bravo & Díaz na Escola de Maxisterio

O Convenio Lugo Cultural continuará o xoves 24 de xaneiro cun novo ciclo de concertos da serie Lubicán, cos que se pretende achegar ao público lucense a música feita por grupos galegos de diferentes estilos e con diferentes formacións.
Dende agora, o ciclo desenvolverase todos os cuartos xoves de mes entre xaneiro e maio e entre outubro e decembro. Haberá representantes de estilos tan diversos como folk, rock, pop, jazz, canción protesta e cantautores.
Nesta cita musical mensual, varias formacións se presentarán ante o público lugués, como a Brigada Bravo & Díaz, coa que se inicia o ciclo. No mes de febreiro continuará con Talabarte Trío, El Pararrayos actuará en marzo e Úlo-Ttrío no mes de maio. O 24 de abril o Lubicán acollerá a presentación do novo traballo de Narf Touben coa banda ao completo.
Despois do verán, está prevista a actuación da formación de acústica Mala Herba, no mes de outubro, Grex en novembro e remata o ciclo, en decembro, Alba Noctua, que aúna aos músicos Paloma Suanzes e Miguel Mosquera.
Os concertos celebraranse na Escola de Formación do Profesorado, ás 21:00 horas, agás os de abril e maio, que serán no Auditorio da Facultade de Veterinaria.
Este ciclo foi presentado polos representantes das cinco entidades que integran o Convenio Lugo Cultural, a Vicerreitoría de Cultura da USC, con Elías Torres; o Concello de Lugo, coa concelleira Concepción Burgo; a Xunta de Galicia, co delegado de Cultura, Xoán Xosé Molina; a Deputación Provincial, co delegado de área Antón Veiga, e a Fundación Caixa Galicia, co seu xerente Sinesio Pérez.
A intención de Lugo Cultural con este ciclo e ofrecer estabilidade á programación atendendo sempre á diversidade, tal e como comentou o vicerreitor.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.01.2008.