Ir o contido principal

Lugo Cultural entrega os premios do 13 Maratón Fotográfico do Campus de Lugo

Carlos Herrero entregándolle o premio a Carlota Fernández pola película de nivel medio máis alto
Carlos Herrero entregándolle o premio a Carlota Fernández pola película de nivel medio máis alto
No mesmo acto inaugurouse a exposición dos traballos realizados polos participantes desta edición

Lugo Cultural entregou este luns, día 18, na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria os premios da décimoterceira edición do Maratón Fotográfico do campus lugués. No mesmo acto de entrega, ao que acudiron os representantes das entidades integrantes de Lugo Cultural, inaugurouse a exposición que reúne os traballos dos participantes na última edición celebrada o pasado mes de maio.
O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Concepción Burgo; e o representante de Caixa Galicia, Enrique Manciñeiras Campos, foron os encargados de facer público o dictamen do xurado e de entregar os premios. Tamén estiveron presentes a vicedecana de Ordenación Académica de Veterinaria, Ángeles Moreno; e o representante do Grupo Fonmiñá, Eduardo Ochoa.
Os premios á mellor fotografía por cada un dos temas propostos nesta edición, dotados cada un deles con 100 euros e trofeo, foron para Javier Grien Vecino, no tema ‘Creación’; para Alberto López Rodríguez, pola fotografía ‘Árbores Animadas’; e Mª Mar Torrón acadou o premio no tema libre coa obra ‘Se eu me convertese... en carriño?’. Por outra banda o recoñecemento á película de nivel medio máis alto, dotado con 175 euros e trofeo, correspondeu a Carlota Fernández Álvarez.
O xurado decidiu conceder ademais catro accésits, un por cada un dos temas propostos e outro para a categoría de película de nivel medio máis alto, dotados cada un deles cun trofeo. No tema denominado ‘Creación’ o galardoado foi Bruno Martínez Pérez pola fotografía ‘Constrúome, deconstrúome’, no tema ‘Árbores’ foi premiada Dimas García por ‘Quien a buen árbol se arrima...’ e no tema libre acadou o premio Mª Carmen Fernández Ledo por ‘O reflexo da xuventude’. O recoñecemento como accésit á película nivel medio máis alto recaeu en Elizabeth Quintero Durán.
ExposiciónAs fotografías premiadas e o resto das obras dos participantes poderanse visitar na exposición que acolle a Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria ata o vindeiro 15 de xullo, en horario de 9:00 a 21:00 horas. A mostra trasladarase posteriormente a Santiago de Compostela onde será exhibida nas instalacións da Universidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.06.2007.