Ir o contido principal

Lugo Cultural garante e dá continuidade este ano a unha programación cultural xa consolidada na capital luguesa

Carmen Basadre, Pedro García Herradón e Mario Outeiro, na presentación da programación de actividades do convenio Lugo Cultural para 2013
Carmen Basadre, Pedro García Herradón e Mario Outeiro, na presentación da programación de actividades do convenio Lugo Cultural para 2013
A música clásica, galega e de vangarda, danza, teatro, fotografía e o debate desde unha perspectiva multidisciplinar sobre a crise de occidente centran a programación do 2013

O programa de actividades deseñadas para os primeiros meses deste ano 2013 ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que na actualidade están presentes a Deputación e Concello de Lugo, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, caracterízase por ser unha proposta que da continuidade a ciclos e eventos estables e xa consolidados ao longo dos últimos anos na capital luguesa.

Este heteroxénea oferta cultural, que abrangue distintas disciplinas, como son a música, tanto a clásica, como a música galega ou os sons máis vangardistas, teatro, danza, fotografía e tamén o debate e a reflexión sobre temas de actualidade, fai que programación do Lugo Cultural sexa moi diversa e de interese para todos os públicos, segundo indicou o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, na presentación das actividades xa previstas para este ano, un acto no que tamén participaron o deputado da Área de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, e a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carmen Basadre. A oferta cultural deseñada grazas ao convenio Lugo Cultural 2013 comezou a desenvolverse xa a mediados de xaneiro co programa ‘Músicas a carón da Mosqueira’, que nesta edición inclúe o ciclo ‘ 10 sonatas para violín e piano de Bethoven’, do que xa se celebraron os dous primeiros concertos (o 15 de xaneiro e o 4 de febreiro) e que terá continuidade o próximo día 28 cun concerto a cargo da violinista Beatriz Junco, acompañada ao piano de Alicia González Permuy, que interpretarán as sonatas nº2, nº5 e nº10. O ciclo ‘10 sonatas para violín e piano de Bethoven’ chegará ao seu remate o 19 de marzo cun novo concerto na Casa do Saber, onde Nazaret Canosa, ao violín, e Vera Pavlova, ao piano, interpretarán as sonatas nº1, nº4 e nº8 do gran compositor xermano. Ademais de gozar das sonatas de Bethoven, ‘Músicas a carón da Mosqueira’ tamén traerá este ano á capital luguesa a novos, pero xa consagrados intérpretres de distintos instrumentos de música clásica, entre os que cómpre destacar ao acordeonista vasco Ander Tellería, a violinista María del Carmen Jiménez Montes e a pianista Anna Mirakyan, ademais doutros tres concertos protagonizados por intérpretes galegos. Lubicán 2013 O fundador do grupo Milladoiro, Rodrigo Romaní, un músico ben coñecido polo público galego e tamén sobradamente recoñecido no resto de España, abrirá o vindeiro xoves, día 21 de febreiro, o Lubicán 2013 na Casa do Saber cun concerto que servirá de presentación do seu último traballo, ‘As Arpas de Breogán’, unha produción dedicada ao son da arpa céltica e á súa utilización dentro do folk contemporáneo creado a partir da música tradicional. O ciclo Lubicán, que, do mesmo xeito que outros anos, neste 2013 afonda na súa pretensión de achegar ao público lucense a música feita por grupos galegos, levará o 14 de marzo ao auditorio Gustavo Freire a música de folk do grupo lugués ‘Os Minhotos’, que presentarán ao vivo o seu último CD, ‘Pinga D’Auga’. Fran Pérez (NARF), nesta ocasión acompañado de Marcos Teira, actuará de novo no marco do Lubicán o 4 de abril. María Xosé Silvar ‘Sés’ presentará o seu último traballo o 23 de maio na Casa do Saber, mentres que Bristol e Terra de cinco minutos pecharán este nova edición do Lubicán (o 13 de xuño no auditorio da Facultade de Veterinaria, onde interpretarán os temas do seu primeiro traballo ‘Penórtico’. O apartado musical capitaliza de novo este ano boa parte da programación cultural artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que no mes de abril tamén nos deparará unha nova edición, e xa van cinco, do espazo de creación musical ‘Sons creativos’, que este ano se desenvolverá baixo o título ‘Música Improvisada’. O Grupo de Creación Sonora da USC, liderado pola súa directora, Inmaculada Cárdenas, levará a dirección desta proposta de música de vangarda, que contará como artistas convidados con José Luis Carles, Cristina Palmese, Adolf Murillo, Juan Gil, Elena Hidalgo ou, entre outros, Javier Garbayo. Teatro, danza e fotografía OFestival de Teatro Universitario volverá a Lugo a comezos do mes de marzo cunha nova entrega que, de novo dará cabida, á presentación de traballos e proxectos de estudantes lugueses de arte dramática. A figura de Roberto Vidal Bolaño, a cuxa figura se dedica este ano o Día das Letras Galegas tamén terá un destacado protagonismo nesta festa do teatro. Outros eventos culturais e artísticos xa consolidados no campus de Lugo son o Encontro de Danza Universitaria, que chegará en abril a súa décima primeira edición grazas ao convenio Lugo Cultural, que tamén garante a continuidade do Maratón Fotográfico do Campusde Lugo, unha cita que chegará en 2013 á súa edición número XIX. Antes do verán, pero xa alonxados do mundo artístico, o IX Curso de Primavera convertirá o campus de Lugo nun foro de reflexión sobre a crise de accidente, un asunto de máxima actualidade que será abordado desde unha perspectiva multidisciplinar entre o 8 e o 10 de maio por poñentes do prestixio de Ignacio Ramonet, director de Le Monde Diplomatique, ou, entre outros, do ex director da Unesco Federico Mayor Zaragoza.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.02.2013.