Ir o contido principal

O luns 15 comeza en Compostela a Semana da Danza Latina

A Semana da Danza Latina desenvolverá a partir do vindeiro luns 15 unha serie de actividades por distintos espazos da cidade que protagonizará alumnado dos cursos de bailes latinos da USC e público en xeral. Como explica o responsable do Espazo de Danza da Universidade compostelá, Juan Carlos Zahera, a iniciativa volve poñer en valor o vínculo entre universidade e cidade e a estimulación de hábitos de vida saúdable. O luns 15 as actividades concentraranse na Praza Rodríguez Cardarso, en Campus Vida, e o martes 16 na Praza Roxa, mentres que o mércores 17 desprazaranse ao Parque da Alameda, na zona da bancada circular, sempre de 19.00 a 22.00 horas. Para rematar esta primeira edición da Semana da Danza Latina en Santiago, o xoves 18 desenvolverase unha festa latina baixo o lema ‘Noite branca’ na discoteca Don Juan. A partir das 23.00 horas, todos os participantes asistirán vestidos de branco para celebrar unha singular festa de graduación e conmemorar a chegada do verán. Unha pequena representación do estudantado realizará unha demostración de danza dos ritmos impartidos polo profesor Miguel David Herrera, como son bachata, merengue, salsa, conga e roda cubana.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.06.2015.