Ir o contido principal

Este luns comeza no Colexio Maior Fonseca o curso sobre o cambio climático en Galicia

As causas e consecuencias da variabilidade climática centrarán a conferencia inaugural do curso que sobre a influencia e consecuencias do cambio climático en Galicia se celebra a partir do luns 31 no Colexio Maior Fonseca. A apertura do encontro, que estará presidida polo vicerreitor de Cultura, Elías Torres, terá lugar ás 19:30 horas no salón de actos, onde cada día a última hora da tarde se celebrarán todas as xornadas.
O programa de actividades do curso mesturará o visionado de películas e documentais coa celebración de xornadas prácticas, debates e conferencias. Así, o martes 1 de abril o investigador Juan García Duro explicará como afecta o cambio climático aos ecosistemas galegos.
Reciclaxe, xestión de residuos e a súa minimización e eliminación son os aspectos que os membros da Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC explicarán nunha conferencia, ao igual que o catedrático Francisco Díaz Fierros fará cos efectos do cambio climático. A nova lexislación europea e española sobre a cuestión será o eixo da charla que pronunciará o membro de Verdegaia Xosé Veiras.
No curso, que contará con dous obradoiros de lectura e debate, proxectaranse os filmes ‘Unha verdade incómoda’, ‘Conto Ártico’, ‘Demasiado quente para sosterse’, ‘Terra’ e ‘Gran Quentamento’.
A xornada de clausura terá lugar o 24 de abril cunha mesa redonda sobre as accións dos partidos galegos fronte ao cambio climático e á que asistirán representantes de cada unha das formacións con representación parlamentaria en Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.03.2008.