Ir o contido principal

O luns comeza en Santiago o Encontro Universitario de Danza Contemporánea

A primeira actuación será ás 21:00 horas na Igrexa da Universidade

Sete grupos de danza participarán a próxima semana en Santiago e Lugo na sexta edición do Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC. O evento, dirixido e coordinado por Juan Carlos Zahera, abre este ano por vez primeira as portas aos países iberoamericanos coa presenza do grupo da Universidade colombiana de Cundinamarca. Tamén estarán presentes, ademais da USC, a Université Paris 13, a Técnica de Lisboa, a Carlos III de e a Europea de Madrid e a Autónoma de Barcelona.
A Igrexa da Universidade será a que acolla a primeira das actuacións este luns, día 14, ás 21:00 horas, coa intervención dos grupos das Universidades de Santiago, Lisboa, Cundimarca e Barcelona. A compañía da USC presentará a súa nova peza, ‘O falar calado’, na que se reflicten as lembranzas que se levan ao longo da vida. Esta coreografía, creada por Zahera, estreouse o mes pasado no festival de danza universitaria organizado pola Universidade Carlos III de Madrid.
Pola súa banda, os portugueses traen ‘Flor Bela de Alama’, untraballo inspirado na vida e obra da poetisa Florbela Espanca, mentres que o grupo colombiano representará ‘El último ángel’ coa que reflexionan sobre o compromiso que como seres humanos temos coa especie e o universo. Xa a Autónoma de Barcelona se estrea na USC coa intervención ‘Selecciona la opción deseada’, sobre as consecuencias que ten o avance tecnolóxico nas nosa vidas.
Intercambio de experienciasO obxectivo do encontro, que se celebrará en Santiago os días 14 e 15 e en Lugo o 16 e o 17, é recibir e artellar un programa no que a convivencia, o intercambio de experiencias e o debate da danza contemporánea nas universidades serán os eixos fundamentais.
Cada un dos grupos ofrecerá a súa proposta coreográfica en distintos espazos e escenarios. Por un lado, a Igrexa da Universidade, cun marabilloso retablo barroco, e a Sala de Mosaicos do Museo Provincial de Lugo; e, por outro, as Facultades de Ciencias da Comunicación de Santiago, exemplo de arquitectura de vangarda obra do afamado arquitecto portugués, Álvaro Siza, e a Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo.
Á marxe das actuacións e ensaios, terán lugar dous talleres de danza contemporánea impartidos por Carlo Pérez e Eugenio Cueto, baixo o título ‘Danza Creativa’ e ‘Improvisación’, respectivamente. Haberá tamén tempo para o debate no que os participantes, tanto bailaríns como coordinadores das universidades, poderán indicar as súas posturas sobre o camiño a seguir pola danza universitaria. Finalmente, no programa figura tamén unha demostración ao aire libre de ‘Parkour’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.04.2008.