Ir o contido principal

Un magosto no Campus de Lugo busca achegar as tradicións galegas ao estudantado procedente doutros lugares

O Campus de Lugo celebra o mércores 21, a partir das 20.00 horas, un magosto ao que está convidada toda a comunidade universitaria. A celebración terá lugar na Escola Politécnica Superior (debaixo da cafetería), e nela repartiranse entre os asistentes máis de 60 quilos de castañas, ademais de contar coa actuación dun grupo de música tradicional galega. O acto está organizado pola Liga Estudantil Galega do Campus de Lugo, coa intención de “ promover as tradicións propias da nosa terra, como esta do magosto, a raíña das festividades do outono, e dalas a coñecer a aqueles universitarios que proceden doutros lugares”. Durante este ano asisten ás aulas do campus lucense case 200 alumnos estranxeiros; o grupo máis numeroso constitúeno os 89 brasileiros que estarán todo o curso en varias titulacións na Escola Politécnica Superior e na Facultade de Ciencias. Convenios bilaterais con varios outros países latinoamericanos, alumnos de Erasmus e beneficiarios de bolsas posdoutorais Erasmus Mundus completan a presenza estranxeira no campus lucense, aos que tamén se suman un grupo de estudantes doutras comunidades chegados a través do programa Sicue.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.11.2012.