Ir o contido principal

Maioría de idade da Aula de Teatro da USC en Lugo

Maioría de idade da Aula de Teatro da USC en Lugo
Maioría de idade da Aula de Teatro da USC en Lugo
Comezaron os cursos de iniciación e arte dramática, para os que aínda queda algunha vacante

A Aula de Teatro da USC en Lugo cumpre este curso dezaoito anos de traballo ininterrompido. Case dúas décadas representando pezas teatrais e organizando cursos e actividades como os que xa deron comezo no auditorio de Veterinaria, de iniciación e de arte dramática, e para os que aínda quedan prazas vacantes. De igual xeito, continúa aberta a matrícula nos de ‘O Corpo da Voz’ e ‘ Máscara neutra’. A Aula de Teatro da USC nace en Santiago en 1990 do pulo de grupos de teatro universitario e do fluír cultural de Santiago, baixo a dirección de Roberto Salgueiro. Tres anos máis tarde créase a Aula de Teatro do Campus de Lugo, cuxa coordinación e dirección correspondía a Tareixa Campo, alma do teatro lucense e hoxe responsable de Achádego Teatro. Nestes dezaoito anos a Aula de Teatro luguesa organiza cursos monográficos de formación continua nos que, entre outros, participaron como relatores Jesús Aladrén, Juan Pastor Antonio Sampaio, Tareixa Campo, Jose Bláquez, Avelino González, Artur Trillo, Cecilia Carballido, Alberte Cabarcos, Fabiana Castello, Marcelino de Santiago “Kukas”, Isabel Rei, Quico Cadaval, Isabel Úbeda, Vicente Fuentes, Ana Vallés, Suso Díaz, Elisa Marinas, Paloma Lugilde e Carlos Aladro. A maiores, prepararon numerosas creacións propias chegando a ter durante algúns anos compañía de monicreques dirixida cronolóxica e sucesivamente por Marga Portomeñe, Marcelino de Santiago “ Kukas” e Isabel Rei. Os directores de escena que pasaron por esta aula dirixindo distintas obras teatrais foron Tareixa Campo dende o curso 1993-94 ao 1997-98, Pablo Rodríguez ata 2002/03, Paloma Lugilde os catro seguintes, logo Quico Cadaval e Xulio Lago e, finalmente Alberte Cabarcos. Na actualidade a Aula de Teatro da USC está dirixida por Roberto Salgueiro e coordinada en Lugo por Paloma Lugilde con Cabarcos como profesor. Destacan tamén na súa traxectoria representacións das producións anuais en festivais diversos e en distintas localidades da Península e a organización da Mostra Galega de Teatro Universitario e do Festival Internacional de Teatro Universitario da USC-Lugo a través de Lugo Cultural. Da actividade da aula luguesa xurdiron numerosas compañías de teatro a iniciativa dos propios universitarios e universitarias, entre elas Teatro das Argalladas, Caleac Teatro, Tik Teatro, Gula Gula…

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.11.2011.