Ir o contido principal

Mantense aberta a inscrición no catálogo de cursos de verán do CLM

Máis que contidos gramaticais, esta programación docente pretende ofrecer técnicas e oportunidades prácticas para a consecución de destrezas orais e escritas. FOTO: Santi Alvite
Máis que contidos gramaticais, esta programación docente pretende ofrecer técnicas e oportunidades prácticas para a consecución de destrezas orais e escritas. FOTO: Santi Alvite
A USC é unha das nove universidades seleccionadas para formar parte dunha proba piloto que potencia os cursos iniciais da lingua catalá para estudantes universitarios de programas de mobilidade e que ofrece o Institut Ramon Llull
Lugo, Santiago de Compostela

O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC continúa en 2022 a programación docente para este verán cun catálogo de cursos que inclúe iniciación ao catalán para estudantes de programas de mobilidade, sesións de conversa en inglés para os niveis avanzado e intermedio, un seminario de checo no contexto universitario, e un curso de expresión escrita e oral en francés cara á preparación do Diploma en Estudos Avanzados en Lingua Francesa (DELF). 

Estes cursos e seminarios diríxense tanto ao alumnado, PAS e PDI da USC como ás persoas externas á Universidade a partir dos 16 anos, especialmente estudantes de bacharelato, profesionais de diferentes ámbitos e todas as persoas con interese en ampliar a súa formación en linguas estranxeiras ou cooficiais en España.

Matrícula e inscrición nos test de nivel

A preinscrición e a matrícula nos cursos pode realizarse a través da Secretaría virtual. As persoas alleas á USC poden acceder á matrícula directamente dende a páxina web do CLM. Só se levarán a termo aquelas actividades que conten cun mínimo de 8 persoas, ou de dúas se se trata de clases de conversa. Co obxectivo de que o alumnado de cada actividade teña un nivel homoxéneo, os cursos que non sexan de iniciación esixirán acreditar coñecemento da lingua a través do test de nivel do CLM o dalgúns dos certificados oficiais.

Haberá prezos reducidos para integrantes da comunidade universitaria, estudantes de calquera outra universidade, alumnado de bacharelato e formación profesional, pensionistas e persoas desempregadas, e integrantes da Asociación Alumni USC e de ATENEO.

Contidos

Máis que contidos gramaticais, esta programación docente pretende ofrecer técnicas e oportunidades prácticas para a consecución de destrezas orais e escritas e para o desenvolvemento de estratexias de comunicación, alén doutros contidos específicos que sirvan de preparación para exames oficiais e que resulten útiles nas estadías profesionais e privadas no estranxeiro. Ademais, os cursos achegarán coñecementos relacionados coa cultura e civilización dos países de fala.

Catalán

A USC é unha das nove universidades seleccionadas nunha proba piloto para potenciar os cursos iniciais da lingua catalá dirixida a estudantes universitarios de programas de mobilidade que ofrece o Institut Ramon Llull. O Departamento de Cultura da Generalitat de Cataluña presentou o Pacto Nacional para a Lingua para protexer, incentivar e incrementar o uso da lingua catalá en todos os ámbitos da sociedade. Neste marco, o Departamento de ‘Recerca i Universitats’ propuxo implantar un plan de reforzo da lingua dentro do ámbito universitario. Un dos eixes deste plan fai referencia ao catalán nun contexto de internacionalización e un dos obxectivos é reforzar e ampliar os programas de acollida lingüística e cultural na orixe con colaboración co Institut Ramon Llull. “Polo número de inscritos en programas de mobilidade, as boas relacións coa Oficina de Relacións Exteriores e os anos de tradición e bo facer da Área de Filoloxía Catalá, a USC foi unha das institucións seleccionadas”, explicou a profesora Dolors Perarnau. A información do curso pode consultarse nesta ligazón.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.06.2022.