Ir o contido principal

Manuel Castells: "A universidade é a institución central do mundo en que vivimos"

O docente imparte unha conferencia no Centro de Estudos Avanzados no que reflexiona sobre 'A Universidade na era da información'

“A universidade é a institución central do mundo en que vivimos”. Deste xeito definiu o profesor Manuel Castells a súa visión sobre o papel da institución universitaria na sociedade actual nun encontro celebrado cos medios de comunicación previo á conferencia ‘A Universidade na era da información’ que pronuncia este xoves a partir das 19:00 horas na Sala de Debates do Centro de Estudos Avanzados da USC.
Este rol central das universidades susténtase segundo Castells no feito de que estas institucións son as principais produtoras de coñecemento así como as responsables de formar a quen manexa, aplica e xestiona ese coñecemento. Existe en opinión do conferenciante, unha terceira dimensión relacionada coa xeración de cultura, valores e de ideas que tamén recaería nas institucións de educación superior, sobre todo nos momentos de cambio social por levar asociadas transformacións culturais.
Neste senso, Manuel Castells subliñou que a gran transformación experimentada nos últimos anos está directamente relacionada cos medios de comunicación, e máis concretamente coa “autocomunicación de masas”. Ata agora o modelo comunicativo dominante materializábase nun sistema no que “a mensaxe dun chegaba a moitos”, mentres que a autocomunicación de masas favorece que “mensaxes de moitos chegan a múltiples destinatarios con posibilidades de moita interacción”. A este respecto, o investigador considera que a comunicación e os medios de comunicación “son centrais na organización e práctica da sociedade”.
Manuel CastellsProfesor da Universitat Oberta de Catalunya e catedrático emérito de Socioloxía e de Planificación Urbana e Rexional da Universidade de California (Berkeley), Manuel Castells foi profesor visitante en quince universidades ao redor do mundo e conferenciante convidado en centenares de institucións académicas e profesionais en 43 países. Ademais é catedrático titular da Cátedra Wallis Annenberg de Tecnoloxía de Comunicación e Sociedade na University of Southern California nos Ánxeles, profesor visitante distinguido de Tecnoloxía e Sociedade, titular da Cátedra Marvin e Joanne Grossman no Massachussets Institute of Technology e profesor visitante distinguido de Estudos de Internet na Oxford University.
Con anterioridade, foi profesor de Socioloxía da École des Hautes Études en Sciencies Sociales (1967-1979), catedrático e director do Instituto de Socioloxía de Novas Tecnoloxías da Universidade Autónoma de Madrid (1988-1993), e profesor de investigación no Consejo Superior de Investigaciones Científicas en Barcelona (1997). É autor de 22 libros entre os que se atopa a triloxía La era de la información: cultura, economía y sociedad publicada en 23 idiomas. Tamén é coautor e editor doutros 23 títulos.
Entre outros nomeamentos distinguidos, foi asesor en Tecnoloxía da Información e en Sociedade Civil Global do Secretario Xeral de Nacións Unidas. En 2005 foi designado pola Comisión Europea membro fundador do consello científico do Consello Europeo de Investigación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.10.2009.