O Mapa de Radon de Galicia supera xa as 4.000 medicións e permite consultar os datos de áreas xeográficas pequenas

O Mapa de Radon de Galicia acumula xa máis de 4.300 medicións, segundo os seus responsables un “ número relevante de medidas” nas que se fixo fincapé no último ano na provincia de Pontevedra, aínda que tamén se suman novas medicións nas outras provincias. Da Coruña existen 1.794 rexistros en domicilios, seguida de Pontevedra con 1.412. Por concello, o que maior número de medicións acumula é o de Vigo, con 409, seguido de Santiago de Compostela con 284 igualmente de radon en interior. Todas elas poden consultarse por concello, comarca e provincia de orixe na páxina web do Laboratorio de Radon de Galicia da USC (www.usc.es/radongal ou www.radon.gal).
A última actualización deste Mapa presentárona este martes 25 en rolda de prensa os profesores Alberto Ruano Raviña e Xoán Miguel Barros Dios, co directores do Laboratorio da USC, e os subdirectores xerais de Epidemioloxía, Xurxo Hervada Vidal, e de Programas de control de Riscos Ambientais, Ángel Gómez Amorín. O Mapa elabórao o Laboratorio de Radon de Galicia, da Facultade de Medicina da USC, en colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade.
Segundo os datos acumulados ata o momento e que seguirán medrando durante o presente ano, as provincias con maior concentración de radon son Ourense e Pontevedra co 22,9 e 19,8% das vivendas medidas que superan o nivel de referencia (NR) dos 300 Bq/m3, nivel que marca a Directiva Europea pendente de ser trasposta á lexislación española. Como explicaron os responsables do Mapa, por concellos existe unha gran variabilidade, con varios situados nas provincias do sur de Galicia que presentan “concentracións de radon relevantes”.
Novidades
A principal novidade do Mapa, aclararon Alberto Ruano e Xoán Miguel Barros, é que está a caracterizar unidades máis pequenas que as correspondentes ao municipio, concretamente as sección censuais. Esta clasificación “é especialmente interesante en concellos de gran superficie ou en concellos urbanos onde, ao construírse en altura, se espera que a concentración sexa menor no centro da cidade que nas zonas rurais, como poñen de manifesto os mapas realizados”, aclararon os investigadores. Na web do Laboratorio da USC xa están dispoñibles os mapas por sección censuais dalgúns municipios que poden consultar as persoas interesadas.
Alberto Ruano, co director do Laboratorio xunto a Xoán Miguel Barros Dios, resaltan o feito de que o Mapa “permite á nosa comunidade ter moitos máis datos que o resto do Estado, xa que o Mapa Nacional de Radon do Consello de Seguridade Nuclear –no que tamén colaborou o Laboratorio da USC- conta con información de 11 provincias españolas e acumula 12.000 medicións”. Ademais, este mapa galego é “a primeira iniciativa a nivel estatal que vai máis alá do municipio como unidade xeográfica”. Os dous investigadores da Facultade de Medicina subliñaron o feito de que o Mapa é un “ instrumento vivo, actualizado constantemente e que todas as medicións se realizaron de xeito voluntario e gratuíto para os participantes”.
Laboratorio de Radon de Galicia
Este Laboratorio enmárcase nun grupo de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia e tamén do CIBERESP. Situado no Hospital Clínico Universitario de Santiago, realiza medicións de radon dende 1992, e está considerado un referente nacional e internacional polas súas investigacións no tema, incluíndo a autoría do informe sobre radon da Organización Mundial da Saúde ou do artigo máis citado sobre radon en cancro de pulmón, publicado en 2005 no British Medical Journal. Nos últimos dous anos acadou sete premios científicos e dous dos seus membros recibiron o premio extraordinario de doutoramento pola súas tese doutoral. O Laboratorio lidera investigacións nas que participan varios hospitais de distintas Comunidades Autónomas sobre os efectos do radon na saúde. Na actualidade, o Laboratorio fai medicións para empresas e particulares que poden solicitarse na súa páxina web.
De esquerda dereita Xurxo Hervada, Ángel Gómez, Alberto Ruano e Xoán Miguel Barros. Foto. Servimav-USC