Ir o contido principal

O maratón ‘Ifindecurta’ falla este mércores os seus premios trala proxección das seis curtas seleccionadas na Praza de Santa María

Cartaz do maratón cinematográfico 'Ifindecurta'
Cartaz do maratón cinematográfico 'Ifindecurta'
A visualización das propostas comezará ás 22.15 horas. O premio do xurado inclúe 500 euros e o pase á Semana de Cine de Autor, que tamén emitirá a escollida polo público

O maratón cinematográfico ‘Ifindecurta’, un certame artístico promovido pola área de Cultura do Campus Terra da USC e organizada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, dará a coñecer este mércores o fallo dos seus premios no marco dun acto público que se desenvolverá este mércores, día 22 de xuño, a partir das 22.15 horas, na luguesa Praza de Santa María, onde se proxectarán as seis propostas artísticas presentadas a un certame no que participaron preto de 60 persoas agrupadas en equipos.

A encargada da área de Cultura da USC no campus de Lugo, Paloma Lugilde, e o coordinador do maratón cinematográfico ‘Ifindecurta’, Bruno Máez, abrirán a sesión de proxeccións cunha breve explicación do procedemento que debe seguir o público presente para votar a proposta que máis lles guste. Unha vez remata a visualización das distintas curtas, cuxa duración máxima non pode exceder de seis minutos, tal e como fixaban as bases do certame, daranse a coñecer as curtas galardoadas polo xurado e tamén polo público. O premio outorgado polo xurado da primeira edición do certame ‘Ifindecurta’, unha iniciativa orientada á promoción das creacións audiovisuais feitas en Galicia e en lingua galega, contempla unha dotación económica de 500 euros, ao tempo que garante a participación da curta premiada na fase de competición da próxima edición da Semana de Cine de Autor de Lugo, que se celebrará a comezos de outono. A proposta artística galardoada polo público non recibirá gratificación económica algunha, pero tamén entrará na fase de competición das curtas emitidas na vindeira edición da Semana de Cine de Autor de Lugo. A proxección das curtas presentadas a concurso na primeira edición do ‘Ifindecurta’ desenvolverase no marco dunha sesión aberta de entrada libre e aberta a todo o público interesado. Este acto servirá asemade para dar a coñecer a autoría das distintas creacións audiovisuais presentadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.06.2016.