Ir o contido principal

Marcelino Oreja Aguirre, galardoado co XXI Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia

De esquerda a dereita, Román Rodríguez, Marcelino Oreja, Juan Viaño e Marek Kreglewski. Foto: Servimav-USC
De esquerda a dereita, Román Rodríguez, Marcelino Oreja, Juan Viaño e Marek Kreglewski. Foto: Servimav-USC
O xurado destacou o rol do premiado na construción europea e o seu apoio á declaración do Camiño de Santiago como primeiro Itinerario Cultural Europeo

O Grupo Compostela de Universidades (GCU) e a Xunta de Galicia anunciaron hoxe a súa decisión de conceder o XXI Premio Grupo Compostela - Xunta de Galicia a Marcelino Oreja Aguirre polo seu labor no establecemento dunha ruta que marcou o futuro das rutas do Camiño como punto de encontro dos valores representados pola Unión Europea.

Fillo adoptivo de Compostela e Medalla de Ouro da Cultura de Santiago, desde o seu posto no Consello de Europa foi o gran impulsor da declaración do Camiño de Santiago como primeiro Itinerario Cultural Europeo en 1987, que hoxe segue apoiando como presidente da Fundación Ad Sanctum Jacobum Peregrinatio. Actualmente é presidente do Instituto de Estudos Europeos da Universidade CEU-San Pablo e presidente de Honra da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas.

O xurado, reunido o pasado 23 de maio en Santiago de Compostela, destacou no seu ditame a figura do premiado como impulsor do Camiño de Santiago e dos dereitos humanos, subliñando tamén o seu rol clave na construción europea e na participación de España no Consello de Europa.

O anuncio fíxose nunha rolda de prensa na que participaron o presidente do Grupo Compostela de Universidades, Marek Kreglewski; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González; o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño Rey, e o propio Marcelino Oreja Aguirre. A cerimonia de entrega terá lugar en setembro, no marco da XXIII Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades, que este ano se celebrará na Universidade de Pécs (Hungría).

O presidente do Grupo Compostela de Universidades, Marek Kreglewski, destacou o traballo de Oreja Aguirre en prol da determinación do “Camiño de Santiago como base na que se apoian as bases da Unión Europea”. Pola súa banda, o reitor Juan Viaño lembrou que o obxectivo do premio é distinguir aquelas persoas ou institucións pola súa achega á preservación do patrimonio cultural de Europa e ao desenvolvementos dos valores europeos de cooperación e integración que rodean ao Camiño de Santiago, “e Marcelino Oreja é a máxima expresión destes valores”.

No mesmo acto, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, gabou a “excelencia” da súa traxectoria “a favor da construción do espazo público europeo e do impulso do Camiño de Santiago como elemento vertebrador de Europa durante gran parte de su vida”. Así mesmo, subliñou que Oreja Aguirre foi o gran impulsor da declaración do Camiño de Santiago como primeiro ‘Itinerario cultural europeo’ e ocupou postos de relevancia como Ministro de Asuntos Exteriores na época da Transición, Secretario xeneral do Consello de Europa ou Comisario europeo de Transporte e Enerxía, entre outros.

Finalmente, Marcelino Oreja, que afirmou sentirse “abrumado e emocionado”, aproveitou a súa intervención para ensalzar o Camiño de Santiago “como espazo de encontro, cultura e fe”. “Un espazo de mellora persoal e colectiva”, dixo, “que, mentres viva, como entusiasta del que son, sempre seguirei defendendo”.

Conferencia no CEA
O que fora ministro de Asuntos Exteriores na primeira lexislatura da democracia pronunciou este martes unha conferencia no Centro de Estudos Avanzados na que se mostrou “un soñador” de Europa, convencido do seu futuro. Iso si, para iso é necesario “construír unha Europa máis social”, dixo, “que sexa quen de frear o incremento das desigualdades”.

No seu discurso avogou por unha Europa “relevante” para o cidadán, que “se rebele contra a desafección existente”, algo que na súa opinión pasa por unha maior calidade democrática e competencias claras. “Se os europeos desexamos vivir baixo o mesmo teito debemos renunciar a parte da nosa soberanía”, asegurou.

Marcelino Oreja Aguirre
Marcelino Oreja Aguirre naceu o 13 de febreiro de 1935 en Madrid. Ingresou na Carreira Diplomática en 1960 co número 1 da súa promoción e dende 1980 ten a categoría de embaixador de España. Ademais doutorouse en Dereito pola Universidade de Madrid con Premio Extraordinario.

Foi ministro de Asuntos Exteriores (1976-1980), secretario xeral do Consello de Europa (1984-1989) e comisario europeo de Transportes e Enerxía (1994-1999). En 1988 foi nomeado Europeo do Ano pola Fundación Europea da Ciencia, da Arte e da Cultura.

Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia
O Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia, desde a súa creación en 1997, galardoou a persoas e institucións senlleiras procedentes de diferentes eidos. O premio recoñeceu o labor de persoeiros como Jacques Santer (1997), Vaclav Havel (1998), Mohamed AlBaradei (2010) e o Colexio de Europa (2012).

Marek Kreglewski e o reitor Juan Viaño renovaron o acordo de colaboración entre as entidades que representan Marcelino Oreja, no acto deste mércores en San Xerome. Foto: Servimav-USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.06.2017.