Ir o contido principal

En marcha o teléfono 'S.O.S Límite' para axudar aos pais a prever posibles conflitos cos seus fillos

Os profesionais da Unidade de Atención Temperá atenderán as dúbidas dos pais sobre a educación de nenos e adolescentes

A Unidade de Atención Temperá (UAT) da Universidade de Santiago acaba de botar a andar o servizo ‘S.O.S Límite’, unha liña telefónica na que se atenderá aos pais que teñan dúbidas sobre como educar aos seus fillos. Coincidindo co remate do curso nos colexios e co aumento das horas de ocio e de tempo libre dos nenos, a iniciativa pretende prever posibles conflitos familiares.
Para iso, un grupo de profesionais –formado por psicólogos clínicos e evolutivos, logopedas, psicopedagogos, un especialista en terapia familiar, e un paidopsiquiatra- ofrecerá asesoramento telefónico ás persoas que chamen. Daráselles a orientación adecuada para resolver cada situación e se lles axudará a pór en marcha técnicas precisas para educar aos nenos e adolescentes menores de 14 anos.
O novo servizo, “S.O.S Limite”, atenderá aos pais no número 981 52 45 80 a partir do vindeiro 23 de xuño en horario continuado de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas.
Choiva de ideas para os paisDe xeito paralelo, a UAT organizará sesións presenciais para os pais. Baixo o nome ‘Choiva de ideas’ faranse enquisas para determinar cales son as dificultades e preocupacións diarias sobre a educación dos seus fillos coa intención de axudarlles neste proceso.
Desenvolverase nas instalacións da Unidade en grupos de 20 persoas e cun horario que atenderá as necesidades dos pais. Establecerase un primeiro grupo, para os usuarios da UAT, durante os meses de xullo e setembro; logo a actividade farase extensiva en setembro e outubro para os pais que non empregan a Unidade.
Unidade de Atención TemperáA Unidade de Atención Temperá leva máis de 10 anos traballando no seno da USC, tempo no que tratou a máis de 2.500 menores afectados por trastornos ambientais con factores de estres, exclusión social, trastornos na linguaxe ou retraso mental, entre outros.
Composta por un equipo multiprofesional do ámbito social, educativo e psicolóxico, a UAT conseguiu unir a docencia, a investigación e a atención aos usuarios para dar servizo a todos estes menores.
A Unidade conta dende este ano con novas instalacións na Facultade de Psicoloxía, con máis espazos abertos, salas de logopedia, de terapia de xogo, de atención temperá, de investigación, estimulación precoz e atención psicopedagóxica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.06.2008.