Novo marco de colaboración coa Universidade mexicana de Anáhuac Xalapa

No ano 2000 as Universidades de Santiago de Compostela e de Anáhuac Xalapa (México) asinaron un acordo académico nas áreas do dereito, a economía e as ciencias políticas, ademais doutro específico que regulaba a impartición dun mestrado na institución mexicana.
Hoxe, 18 anos despois, ambas as dúas universidades reactivan e actualizan esas relacións de cooperación cun novo convenio marco de promoción do desenvolvemento e difusión da cultura e, en especial, da ensinanza superior de grao e posgrao e a investigación científica e tecnolóxica.
A xeneralidade do convenio definirá os distintos ámbitos de actuación –intercambio de persoal, formación, grao e posgrao, publicacións e proxectos científicos...- en diversos acordos específicos que se irán asinando proximamente.
Nese acto de sinatura participaron esta mañá o reitor da USC, Juan Viaño Rey, e o seu homólogo da Anáhuac Xalapa, Luis Llinares Romero.
A sinatura, na que participaron parte dos equipos dos reitores, tivo lugar en San Xerome. Foto: Servimav-USC