Novo marco laboral para o persoal investigador e de apoio á investigación na USC

O persoal investigador e de apoio á investigación contará cun novo marco laboral en materia de clasificación profesional e condicións retributivas logo do acordo asinado coa representación sindical, nomeadamente CCOO, CIG e UGT. Como se puxo de manifesto, este acordo é un “paso firme” no relativo á equiparación deste colectivo coas condicións establecidas no convenio para persoal laboral de administración e servizos da USC. A de Santiago convértese nunha das primeiras universidades do Estado que achega unha proposta máis alá do marco normativo xeral que vén regular a actual situación do persoal investigador con cargo a proxectos e que está aberta a futuros desenvolvementos que amplíen o seu marco.
Durante o acto protocolario de sinatura deste acordo, o reitor Antonio López agradeceu a participación dos distintos colectivos e de todas as persoas implicadas no desenvolvemento das xuntanzas que culminaron na definición deste documento. Xunto co reitor, tamén participaron no acto o xerente da USC, Javier Ferreira; o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri; e a representación sindical integrada por José Rodríguez Añón (CCOO); José Ramón Bahamonde (UGT); Santiago Corzón Martínez (CIG-Administración); e Óscar Rodil Marzabal (CIG-Ensino).
O documento asinado este venres fora aprobado a pasada semana no último Consello de Goberno deste curso co respaldo maioritario deste órgano e representa un paso moi importante para a institución xa que a Universidade compostelá xestiona máis da metade dos recursos destinados a investigación no eido do Sistema Universitario Galego. As materias reguladas neste acordo non esgotan a negociación coa finalidade de que a inclusión doutras novas poidan dar lugar a un convenio colectivo específico. Ademais das cuestións relativas a clasificacións profesionais e categorías, así como á equiparación do persoal de apoio, o acordo inclúe un capítulo específico de igualdade efectiva entre mulleres e homes e para garantir a non discriminación así como en materia de prevención de riscos laborais e seguridade e saúde laboral.
Foi no Claustro universitario onde, por primeira vez, este proxecto colleu visos de realidade ao ser aprobado como un dos eixos fundamentais da Programación Plurianual da USC. Este acordo é froito de meses de diálogo intenso cos colectivos de afectados así coma coas forzas sindicais que, cun apoio maioritario, fixeron posible que a Universidade achegue unha nova perspectiva de carreira investigadora a un colectivo de máis de 1.200 profesionais.
A USC aposta, deste xeito, pola creación da carreira investigadora, unha vía coa que se pretenden achegar novas oportunidades no eido da captación de talento ao tempo que se crea unha canle estable de promoción ao importante volume de persoal investigador co que conta a institución. Dende 2017 a USC está recoñecida pola Comisión Europea coa acreditación HR Excellence in Research, superando o pasado ano a revisión de seguimento desta acreditación que certifica o apoio á xeración dunhas condicións de traballo favorables e un ambiente motivador así como o compromiso de desenvolver unha carreira investigadora homologables cos estándares europeos.
